Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Roteiro, saída ao río, debates: ADEGA continúa o...
01-10-2025
A asociación ecoloxista ADEGA prosegue en Santiago de Compostela co ciclo de actividades polo seu 50 aniversario, que deu comezo o pasado 26 de setembro e que se estenderá ata o vindeiro martes, 7 de outubro. A programación, desenvolvida en colaboración co Concello de Santiago, contempla diversidade de encontros, entre proxeccións documental, mesa de debate, roteiros e saídas de campo abertas á participación da cidadanía.
En concreto, este mércores, 1 de outubro, a Casa das Asociacións (Cornes) acollerá unha xornada en torno ao movemento social compostelán na defensa da terra. Ás 18:00 h proxectarase o filme documental "A terra por gañar", que repasa a traxectoria de ADEGA e do movemento ecoloxista galego; e, a continuación, ás 19:00 h terá lugar un café e unha mesa redonda con diferentes voces do tecido asociativo ligado á defensa da terra na capital galega: Xosé Manuel Penas Patiño, do Grupo Ornitolóxico Galego e da Sociedade Galega de Historia Natural; Pablo Gómez, da Plataforma do Sar; Iñaki Varela, da Federación Ecoloxista Galega e de Verdegaia; e Antón Bouzas, da asociación A Rula. Moderará a mesa Belén Rodríguez, secretaria executiva de ADEGA.
O venres 3 de outubro haberá unha nova oportunidade para ver A terra por gañar, desta volta no Centro Sociocultural de Santa Marta (19:30 h), nunha sesión que incluirá tamén un coloquio posterior arredor dos retos ambientais pasados e actuais.
ADEGA tamén propón varias saídas para coñecer a contorna natural da cidade. O xoves 2 de outubro celebrarase o roteiro Refuxios de vida e lendas (16:30 h), un paseo guiado pola Selva Negra, o parque natural máis antigo e grande de Compostela, da man da contadora de historias e actriz Sole Felloza e da bióloga Elvira Cienfuegos. Mentres, o luns 6 de outubro terá lugar unha actividade de descuberta da biodiversidade nas charcas do Pedroso (16:30 h).
O ciclo pecharase o martes 7 de outubro cunha inspección do Proxecto Ríos no Sarela (16:30 h), para coñecer de primeira man o estado deste curso fluvial. Todas estas actividades (roteiro, descuberta e inspección do río) requiren inscrición previa a través do formulario dispoñible en: bit.ly/50anos_compostela.
A mostra "50 anos coidando a terra" manterase exposta no Paseo Central da Alameda ata o remate do ciclo, o martes 7. E ao tempo, unha versión adaptada dela percorrerá varios centros educativos da cidade. Do 3 ao 10 de outubro poderá visitarse no IES Xelmírez I, antes de viaxar ao IES Xelmírez II (20-24 outubro) e ao IES de Sar (24 outubro-5 novembro).
Con este ciclo, ADEGA quere convidar á veciñanza compostelá e galega a participar na celebración do seu medio século de traxectoria, reflexionar sobre os retos ambientais presentes e futuros e recoñecer o papel chave do movemento ecoloxista na defensa da terra.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal