ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O Fondo para a Protección do Lobo Ibérico...

08-05-2025

O Fondo para a Protección do Lobo Ibérico solicita nos tribunais a paralización da caza do lobo en Galiza

A Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC), como entidade promotora e coordinadora do Fondo para a Protección do Lobo Ibérico (www.fondolobo.org), interpuxo onte, 7 de maio, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, un Recurso Contencioso – Administrativo contra a Resolución do 3 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural de Galicia, que modifica a Resolución de 27 de marzo de 2024, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control de danos e os reximes especiais por especies durante a tempada 2024/2025. 

A inclusión do lobo no LESRPE (Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial) en 2021 obrigou á administración galega a suspender a súa caza. Con todo, tras a súa recente expulsión desta listaxe, a Xunta pretende volver incorporar ao lobo como especie cinexética, o que implica que se poden volver adoptar medidas de control por danos á gandaría. 

O Fondo para a Protección do Lobo Ibérico é unha iniciativa xurdida por mor da súbita desprotección legal do lobo, e conta co respaldo de decenas de entidades nacionais e portuguesas, entre elas ADEGA, a Asociación Galega de Custodia do Territorio, a Sociedade Galega de Ornitoloxía e a Asociación Lobo. En apenas dúas semanas desde a creación da campaña de crowdfunding coa que se pretende financiar as medidas necesarias para a defensa do lobo ibérico, incluídas as xudiciais, recadáronse máis de 32.000 euros grazas á achega de 700 doantes. 

Coa interposición deste Recurso Contencioso–Administrativo contra a Resolución do 3 de abril de 2025 por parte do goberno galego solicitamos a adopción de medidas cautelares que suspendan de forma inmediata a caza de calquera exemplar de lobo, ata a resolución do contencioso interposto.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal