ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA-Lugo reclama a protección e restauración de...

22-04-2025

ADEGA-Lugo reclama a protección e restauración de todos os cursos de auga no concello

Pasadas as choivas torrenciais do 11 de abril en Lugo, a delegación de ADEGA na cidade quere poñer de manifesto que as inundacións que se deron en diferentes puntos son resultado dun urbanismo alleo aos ríos, coa cidade cada vez máis impermeabilizada. A asociación leva case 20 anos reclamando a protección, conservación e restauración de todos os cursos fluviais do Concello, porque nun contexto de cambio climático, estes eventos van ser cada vez máis frecuentes.

Dende ADEGA salientamos que a parte máis grave levouna o río Rato e os seus afluentes, moitos deles desaparecidos e convertidos en estradas e edificacións, que nestes días se converteron en riadas incontroladas. Cantos baixos hai en Lugo con bombas achicando auga?

A sobrecarga da rede de saneamento con regos e augas pluviais, así como o mal deseño e funcionamento dos pozos de tormenta, fan que todas as augas residuais da rede se vertan directamente no río Rato, sen o seu tratamento na depuradora de augas, e amosen a estampa tan desoladora das marxes do río Rato ateigadas das toalliñas, compresas, condóns, plásticos e demais residuos que a xente bota polo wc. Porén, o que pasou no río Rato tamén aconteceu noutros barrios da cidade como A Garaballa, Gándaras, Albeiros, Paradai, Fontiñas ou A Tolda.

O cambio climático, coa consecuente alteración do clima, xunto con infraestruturas obsoletas, a falta de conciencia social e desleixo das administracións, tiveron como consecuencia esta tremenda catástrofe. Se dende as administracións non se toman as medidas necesarias, esta situación poderá agravarse cada vez máis.



Algúns dos proxectos urbanísticos enriba dos cauces fluviais

ADEGA advirte que agora mesmo hai varios proxectos que afectan directamente a cursos fluviais no concello de Lugo:
- Expansión dos polígonos do Ceao e As Gándaras sobre as nacentes do Rato en toda a zona, que ocupan máis de 30 hA.
- Creación dun mal chamado barrio multiecolóxico na contorna do Rato na Garaballa.
- Creación de dotacións na zona de Albeiros e Paradai, en zonas de inundación do río Rato.
- Construción de novos edificios apegados ao río en Paradai.
- Aumento da rúa Serra de Meira sobre a zona inundable do río Rato no Sagrado Corazón.
- Construción dunha gasolineira na zona de inundación do río Fervedoira.
- O propio PXOM de Lugo, que non grafía o Rato e os seus afluentes correctamente e que planifica moitas construcións e infraestruturas sobre regatos e as súas beiras.
- A construción dun aparcamento na zona inundable da Abella.
- Construción dunha nova comisaría no mesmo regato da Abella.
- Construción da urbanización As Samasas, na zona inundable do mesmo regato da Abella, augas abaixo.

As inundacións máis graves destes días déronse en regatos pequenos e medianos, moitos deles alterados, tapados ou entubados, convertidos en edificios, rúas, parques, etc. Hai que salientar o caso do colexio do barrio da Ponte, construído na zona de inundabilidade do río Miño, cos problemas constantes que isto leva consigo.

Desde ADEGA advertimos que tomaremos todas as medidas legais e sociais necesarias para que se respecten, conserven e recuperen os cursos dos ríos e regatos no Concello de Lugo e no resto do país.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal