Inicio / Novas / ADEGA Nacional / No Día da Terra ADEGA, a FEG e a SGHN demandan á...
22-04-2014
22 de abril de 2014, Día da Terra. O recente anuncio do Conselleiro de Medio Ambiente de non ampliar a Rede Natura 2000 “nun curto prazo” revela outro dos incumprimentos da Xunta na “xestión” do noso medio ambiente.
Malia a ter vendido reiteradamente unha misérrima ampliación (ao 14%), sensiblemente inferior á presentada en 2008 (18%), e mesmo prometer no programa eleitoral de 2012 que a Rede Natura ía alongarse para sacar a Galiza do último posto en porcentaxe de superficie con esta figura de protección no estado, agora resulta que “non é unha das súas prioridades”.
Prometeran tamén no Consello Galego de Medio Ambiente (COGAMADES) e mesmo en sé parlamentar que a ampliación, cuxa tramitación concluíu en 2012, iría paralela á do Plano Director que, por imperativo legal e baixo ameaza de expediente por parte da Comisión Europea, a Xunta tiña que ter entregado en 2010. Outra promesa incumprida.
Logo de aprobar hai uns días un Plano Director hiper-permisivo e discrecional para converter en papel mollado a proteción dos nosos espazos naturais máis senlleiros, semella que seguir cumprindo (aínda que sexa formalmente) con Europa, que instou repetidamente á Xunta a ampliar determinados hábitats, xa “non é unha das súas prioridades”: Unha temeridade que pode sairnos moi cara.
Acontece que a Comisión Europea considerou insuficiente (Decisión 2004/813/CEE, DOUE 29-12-2004, e Decisión 2006/613/CE, DOUE 21-09-2006) a representatividade de determinados hábitats das rexións bioxeográficas atlántica e mediterránea, presentes en Galiza: Queirogais húmidos atlánticos con Erica ciliaris e E. tetralix (Nat-2000 4020*), Turbeiras altas activas (Nat-2000 7110*) ambos os dous prioritarios, e o hábitat de interese comunitario Mires de transición (Nat-2000 7140); así como os Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Nat-2000 91E0*), tamén prioritario, e os Prados de sega de baixa altitude (Nat-2000 6510).
O incumprimento das esixencias da Comisión Europea pon á Xunta diante dun novo proceso de infracción da lexislación comunitaria, o que podería rematar en sancións e importantes multas. As consecuencias do irresponsábel proceder da Xunta pódeas acabar pagando non só os nosos espazos naturais senón tamén o peto dunha cidadanía xa precarizada pola crise ao ter que afrontar Galiza o custo das multas ou a perda de fondos europeos por desatender os requerimentos da Comisión.
A negativa a ampliar a Rede Natura ten tamén outra consecuencia: Perdemos un espazo protexido, as 842 ha da ZEPVN Miño-Neira. Este espazo, declarado provisionalmente por 3 anos en 2007 como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais mediante Orde de 21/12/2007 (DOG 14-1-2008), estaba incluido na proposta de ampliación de 2008 con 18.210 ha, que a actual Xunta reducira a 842 ha na súa proposta de 2011 e agora queda nun caixón. Ao renunciar á ampliación que consolidaría o LIC, a declaración de zona protexida caducou en 2011 e, polo tanto, os valores naturais que motivaron a súa declaración provisional fican sen protección.
As organizacións asinantes demandamos pois da Xunta que cumpra o seu compromiso e non demore máis a ampliación da maltreita Rede Natura 2000 galega. Coa tramitación xa rematada, coas advertencias de insuficiencia por parte de Europa, renunciar á ampliación da RN2000 por pequena que sexa suporía unha gravísima irresponsabilidade e un intolerábel desleixo para co noso patrimonio natural.
Asinado:
ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza)
FEG (Federación Ecoloxista Galega)
SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural)
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal