31-03-2025
ADEGA-Lugo mostra a súa total oposición á ocupación da zona de servidume do río Rato, por moi pequena que sexa. Faino en resposta ao anuncio de que a Xunta de Galiza, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), e o Concello de Lugo están a promover as obras de ensanche e mellora da Rúa Serra de Meira entre as rotondas da ponte de Paradai e a da Avda, Adolfo Suárez. As beiras do río deben protexerse e conservarse como espazo verde.
Neste anuncio, a Xunta indica que valorou varias propostas, e que se decantou por unha que supón a ocupación e alteración dunha zona inundable do río Rato, en detrimento doutra proposta que non ocuparía nada. Dende ADEGA cremos que a Xunta de Galiza non pode pretender ampliar a estrada mediante a redución do espazo do río, tan só coa xustificación de que así a obra quedaría máis recta e o aparcadoiro máis amplo. Esta decisión pon en risco a seguridade das persoas e bens en caso de inundación, xa que altera a zona de inundabilidade do río.
Está claro que a Xunta de Galiza non aprende do que esta pasando noutros lugares como Valencia, Murcia, Andalucía ou Madrid. A natureza demóstranos que as zonas inundábeis non se poden ocupar nin urbanizar, e polo tanto, dende ADEGA reiteramos a nosa total oposición á proposta de ocupar calquera zona de inundabilidade, co obxectivo de garantir así a seguridade das persoas.
Con este proxecto, a Xunta de Galiza fai evidente unha vez máis a falta de preocupación e de consideración polo medio ambiente e polos efectos que o cambio climático terá nos próximos anos. Defende, desta maneira, os intereses privados duns poucos a costa de poñer en perigo a vida das persoas e os seus bens na zona de Paradai.
ADEGA-Lugo insta á Confederación Hidrográfica Miño Sil a que emita informes correctores da proposta con base a preservar a zona de inundabilidade segundo a Lei. A organización ecoloxista tomará as medidas oportunas para salvar a zona inundábel do río Rato do parque do Sagrado Corazón, como xa vén facendo ata agora, para preservar os cursos fluviais o máis saudábeis posíbeis.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal