Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A campaña de doazóns para a loita xudicial contra...
31-03-2025
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) celebra o éxito inicial da campaña de recadación solidaria "Xustiza para o Ulla", cuxo propósito pasa por acadar os medios económicos necesarios que permitan defender xuridicamente o río Ulla fronte ás ameazas ambientais da macrocelulosa de Altri e a mina de Touro-O Pino. En tan só catro días desde o seu lanzamento, a campaña "Xustiza para o Ulla" logrou mobilizar máis de 10.000 €. Así, o reto de recadación activo neste momento, vinculado á loita xudicial contra Altri, superou o 25% do obxectivo mínimo fixado; e o fondo común da campaña xa superou os 1.000 euros.
Esta rápida e firme resposta cidadá evidencia a gran preocupación social polo impacto ambiental e socioeconómico que suporía a instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei; e reflicte, ademais, o compromiso da sociedade galega coa defensa dos ríos e do territorio fronte a proxectos industrais altamente contaminantes para o conxunto de Galiza. ADEGA expresa o seu fondo agradecemento a todas as persoas que ata o momento contribuíron coa campaña e fai un chamamento a seguir sumando apoios para levar o proxecto de Altri e Greenalia aos tribunais.
A organización ecoloxista ADEGA lembra que o primeiro reto solidario desta campaña pasa por acadar 39.100 euros nun prazo de tres meses, ata o día 28 de xuño. Estes fondos permitirán a ADEGA enfrontar, con garantías económicas, técnicas e xurídicas, dous recursos contencioso-administrativos no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG): 1. A impugnación da Autorización Ambiental Integrada (AAI) do proxecto de Altri e Greenalia, anunciada para antes do verán, e 2. O recurso contra a denegación da solicitude de arquivo do trámite da concesión de augas, por ter excedido o prazo máximo para a súa resolución sen que esta se producise.
Se ben este é o único reto de recadación actualmente en activo, ADEGA irá lanzando novos obxectivos económicos conforme se vaian dando ou anunciando as distintas resolucións administrativas recorribles da Xunta de Galiza que sexan favorables á execución da fábrica de celulosa de Altri ou á mina de Touro-O Pino. Os custos da loita xurídica (recursos, demandas, medidas cautelares, informes periciais, eventuais caucións e/ou costas...) contra ambos os dous proxectos poden variar dependendo do número e entidade dos procedementos xudiciais que haxa que emprender nos vindeiros meses, mais se a Xunta outorga todas as autorizacións recorribles, estes poderían superar os 100.000 euros.
As doazóns poden realizarse a través da páxina web da campaña: https://adega.helpbysc.com/xustizaulla; e todas as contribucións contarán con beneficios fiscais de ata o 80% na declaración do IRPF. ADEGA convida a outras entidades sociais e plataformas opostas a estes dous proxectos agresivos co territorio a participar na campaña como entidades colaboradoras, e apela a sociedade galega no seu conxunto a continuar contribuíndo ao éxito desta campaña para poñer contra as cordas da Xustiza á Xunta de Galiza e ás empresas depredadoras.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal