ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA apoia o manifesto internacional de S.O.S...

30-01-2025

ADEGA apoia o manifesto internacional de S.O.S Soil por unha xestión sostible do solo, tarefa urxente en Galiza

ADEGA apoia a iniciativa europea S.O.S. SOIL – Save Organics in Soil, unha inciativa da European Compost Network (ECN) e Consorzi Italinao Compostatori (CIC) que chama a atención sobre o papel da materia orgánica no solo para a biodiversidade, a loita contra o cambio climático e a fertilidade na produción de alimentos. Entre as medidas reclamadas destaca a necesidade da recollida separada e o tratamento biolóxico dos residuos orgánicos para a produción de compost de calidade, unha vía esencial para manter a materia orgánica dos solos agrícolas e a reciclaxe de nutrientes. Galiza, precisamente, está á cola destas prácticas, polo que ADEGA anima os concellos a avanzar na compostaxe e reclama da Xunta un xiro de 180 graos nas prioridades da xestión de residuos.

O Manifesto: Reducir a erosión e aumentar o contido en materia orgánica no solo

O solo é un recurso vital e non renovable para os ecosistemas, xoga un papel esencial en servizos como a depuración da auga e a produción de alimentos. Tamén é un importante sumidoiro de carbono a nivel mundial, cun potencial significativo para eliminar da atmosfera os gases que cambian o clima. Preservar a funcionalidade e os servizos ecosistémicos dos solos forma parte tamén dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 da ONU. 

Non obstante, a capacidade do solo para ofrecer servizos ecosistémicos -en termos de produción de alimentos, como reservorio de biodiversidade e como regulador de gases, auga e nutrientes- está sometida a unha forte presión.

Esta iniciativa internacional S.O.S. SOLO – Save Organics in Soil ten por obxectivo alentar aos responsables políticos a desenvolver instrumentos que permitan avanzar en Europa na adopción de prácticas de xestión do solo sostibles e boas para o clima. Tanto para a mitigación como para a adaptación ao cambio climático, urxe avanzar cara a prácticas de xestión da terra sustentables e resilentes ao clima, entre elas:

  • Protexer o stock de carbono existente, en particular nos solos ricos en carbono, e en todos os solos
  • Incorporación de materia orgánica estabilizada procedente do tratamento biolóxico sostible da biomasa 
  • Fomentar o uso de nutrientes reciclados e a xestión máis eficiente dos nutrientes nas terras agrícolas

Todo isto non só beneficiaría o clima senón que tamén sería especialmente beneficioso para mellorar a calidade da auga e do aire.

Tarefa urxente na Galiza

A perda de materia orgánica afecta a unha parte importante dos solos galegos, en particular en zonas de cultivo, como a viña, agora en expansión, e nos montes incendiados. Só manter o contido en materia orgánica das terras aradas requiriría varios millóns de toneladas anuais (ADEGA-Cadernos nº 6). Un estudo recente (Árias e tal., 2022) estimou a dispoñibilidade en Galiza de 1,26 millóns de toneladas (materia seca) de residuos orgánicos, dos que o 20% corresponde aos residuos industriais e urbanos. Só esta cantidade, 260.000 toneladas anuais de materia seca son xestionados como residuos, e nun 52% destínanse a incineración ou vertido, perdendo así un elevado potencial para a rexeneración tanto de montes erosionados, como sobre todo de achegar materia orgánica e fertilizantes reciclados aos solos de cultivo.  

O principal centro de incineración e vertido destes residuos orgánicos é o Complexo Medio Ambiental de Cerceda, pertencente a SOGAMA. Segundo o PXRMG 2023-2030, no ámbito SOGAMA recolléronse de forma selectiva 2177 t de fracción orgánica do lixo en 2021, o que equivale a só o 0,7% dos restos orgánicos xerados. Desta pequena cantidade, a maior parte correspondería a compostaxe doméstica e comunitaria, e só 497 t entraron en SOGAMA para compostaxe na súa planta (Cerna 92). Nos 14 anos que van de 2010 (ano inicial do PXRUG 2010-2020) a 2023 (último dato dispoñible), SOGAMA incinerou 7.476.000 t e verteu 3.458.000 t de residuos urbanos de media. Isto supuxo a perda de 3 millóns de residuos orgánicos enviados a atmosfera nos gases da incineración e 1,4 millón acumulado nos vertedoiros da Areosa, xerando non só CO2 senón tamén metano cun elevado poder de efecto invernadoiro. En definitiva, nestes 14 anos perdéronse case 5 millóns de toneladas de residuos orgánicos, e con eles todo o seu potencial de acumulación de carbono nos solos, de mellora da capacidade produtiva dos solos, de redución dos fenómenos de erosión, e de achegar fertilizantes reciclados de alta calidade.  

Aínda sumando a recollida separada e compostaxe nos plantas de Barbanza e Nostián, a media galega non supera o 12% de compostaxe da fracción orgánica (17 veces menos no ámbito SOGAMA en 2021, como vimos arriba). Isto non é inconveniente para que a Xunta afirme que "considerando todas as opcións, pódese dicir que o 86% dos concellos conta con determinado grao" de xestión "dos biorresiduos de maneira separada" (pax. 33, PXRMG 2023-2030). Consideran con isto que xa se cumpren os obxectivos e mandatos da Lei 7/2022? Pode ser, pois a evolución até 2023 dos resultados de SOGAMA, non só en recollida separada de envases (17%), senón particularmente en recollida separada da fracción orgánica e produción de compost (0,3%), non permiten ver unha evolución positiva (Cerna 92).

Os concellos e a Xunta deben reaxir

Por tanto, ADEGA reclama tanto dos concellos como da Xunta un xiro de 180 graos nas prioridades da xestión de residuos, comezando por implantar sistemas eficientes de recollida separada como o porta a porta e proxectos realistas de compostaxe en todas as escalas, desde a doméstica á comunitaria, a agrocompostaxe e en pequenas plantas locais.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal