ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA lanza unha campaña de doazóns para frear o...

21-01-2025

ADEGA lanza unha campaña de doazóns para frear o macropolígono eólico Patiñeiro, en Vimianzo

A asociación ecoloxista ADEGA lanza unha nova campaña de recadación #TiPodesParalos para recorrer no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza o polígono eólico Patiñeiro, proxectado no concello de Vimianzo. A organización precisa reunir un total de 8.100 fondos solidarios para cubrir os custos derivados da presentación do recurso de alzada no organismo correspondente e do recurso contencioso-administrativo no TSXG contra a autorización administrativa previa e de construción deste proxecto eólico, ademais da elaboración do informe técnico ambiental e da solicitude de paralización cautelar das obras.

O polígono eólico Patiñeiro está promovido por Naturgy Renovables e contempla a instalación de 3 aeroxeradores de 200 metros de altura nunha área con alta densidade de fauna protexida, recursos naturais valiosos e un patrimonio arqueolóxico único. As instalacións sitúanse moi próximas a núcleos habitados, e algúns muíños nin sequera cumpren coa distancia mínima de 550 metros a poboacións. Ao igual que nas meirandes autorizacións da Xunta, dáse neste caso unha fragmentación artificial entre o propio proxecto e a súa liña de evacuación, artellada coa finalidade de minimizar os impactos en conxunto no procedemento de avaliación ambiental, o que podería tratarse dunha fraude de lei.

Ademais, na contorna de 5 quilómetros á redonda xa están en funcionamento ou proxectadas outras 11 instalacións eólicas e 4 liñas de alta tensión. Algunhas delas, como "Alto da Croa" e "Ampliación Alto da Croa II", foron xa rexeitadas polos efectos sinérxicos que unha elevada concentración de parques provocaría sobre a avifauna no corredor da Costa da Morte-Vimianzo-Noia.

Para poder contribuír a este novo desafío #TPP, ADEGA acaba de facer pública a seguinte plataforma online de crowdfunding: https://tipodesparalos.helpbysc.com/patinheiro.

Unha ameaza para a biodiversidade

O parque eólico Patiñeiro, situado nun corredor ecolóxico clave entre a costa de Vimianzo e o encoro da Fervenza, impactará de forma directa en especies ameazadas como a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus), segundo se recolle no propio Estudo de Impacto Ambiental do proxecto. Ademais, o polígono podería afectar outras especies vulnerables, como Anas crecca (Cerceta), Vanellus vanellus (Conícora) e Numenius arquata (Mazarico real).

O proxecto tamén se sitúa nunha zona con alta densidade de poboacións de lobo, impactaría sobre os seus núcleos reprodutores e ameazaría o equilibrio ecolóxico. Os estudos de impacto ambiental non contemplaron o efecto barreira que pode crear este polígono eólico, ao igual que a promotora tampouco realizou, previa autorización do proxecto, unha campaña de prospección de avifauna completa, ao longo dun periodo anual. Tan só fixo 3 visitas de campo en abril, maio e xuño.

Impacto na paisaxe cultural da Costa da Morte

A área afectada está pragada de xacementos arqueolóxicos como o Túmulo de Pedra Cuberta, o Túmulo de Pedra da Moura e a Anta de Serramo/Pedra de Lebre, Bens de Interese Cultural que poden sufrir danos directos pola implantación deste proxecto. Tampouco a respecto do patrimonio cultural se realizou unha prospección previa intensiva en toda a superficie ocupada pola poligonal, o que limita o coñecemento da riqueza e densidade patrimonial na contorna do parque.  

En concreto, o Túmulo de Pedra Cuberta, situado en Vimianzo, é un magnífico monumento megalítico que data da Idade do Bronce. A súa impresionante estrutura atrae visitantes de todo o mundo, conéctanos co pasado e enriquece a nosa identidade. O dolmen de Pedra da Moura, pola súa banda, conserva pinturas de cor vermella e negra sobre fondo branco, e é referente da rica tradición oral galega, onde as mouras aparecen como seres mitolóxicos vinculados a lugares antigos e misteriosos. A construción de Patiñeiro representa unha ameaza para estes importantes sitios históricos.

Chamada á acción

ADEGA fai un chamamento á cidadanía a apoiar esta causa a través da campaña #TiPodesParalos e evitar a construción deste proxecto eólico lesivo para o patrimonio natural e cultural do concello de Vimianzo. Todas as doazóns realizadas poderán desgravarse ata un 80% en Facenda.

A primeira fase da recadación terá unha duración de un mes desde este martes, 21 de xaneiro, e nela será preciso acadar un mínimo de 4.000 euros. X nunha segunda fase, de 2 meses de duración, procurarase reunir o importe restante. Estamos a tempo de frealo!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal