ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Ulloa Viva e a PDRA anuncian que o 15D haberá "un...

26-11-2024

Ulloa Viva e a PDRA anuncian que o 15D haberá "un clamor" no Obradoiro contra Altri e a Xunta

As Plataformas Ulloa Viva e En Defensa da Ría de Arousa (PDRA) presentaron hoxe en Santiago a manifestación nacional que o vindeiro 15 de decembro percorrerá as rúas de Compostela até o Obradoiro co lema “A Xunta non pode calar todo un país”. Os presidentes das dúas plataformas, Marta Gontá e Xaquín Rubido, acompañados polos representantes de colectivos sociais que apoian a manifestación, entre eles ADEGA, aseguraron que esta mobilización será “un clamor” contra a macrocelulosa que a empresa Altri quere construír en Palas de Rei e que está a tramitar “cunha alfombra vermella” a Xunta de Galiza.

A presidenta de Ulloa Viva, Marta Gontá, asegurou que o 15 de decembro en Compostela “estaremos toda a masa social que por sentido común e por xustiza imos parar este atentado ao corazón de Galicia”. Explicou que os milleiros de persoas que acudirán ao Obradoiro van reprocharlle á Xunta de Galicia que “están cegados polos cartos que saen da privatización dos recursos e os bens máis importantes que temos: terra, auga e aire”. Será, segundo dixo, “o derradeiro golpe na mesa, sairemos en masa a defender o noso futuro”.

Dixo Marta Gontá que “a Xunta non quere escoitar as persoas". "Négase a escoitar as máis de 23.000 alegacións e tamén as máis de 20.000 persoas que saimos ás rúas en Palas” o 26 de maio a dicir "Altri non". E ademais, “desoe mesmo un órgano consultivo como o Consello da Cultura Galega”. Diante destes feitos acontecidos nos últimos meses, Gontá preguntouse “que clase de goberno é este e até onde chega a súa avaricia". "Todo vale?, iso é o que merecemos os galegos e galegas?”.

Por iso, Gontá advertiu que “nin Rueda nin ningún dos seus conselleiros van impoñerlle aos nosos fillos unha vida peor mentres nós esteamos aquí”, e amosouse convencida de que a Xunta “terá que pedirnos perdón algún día polos esforzos que están a facer para impoñernos a todas un modo de vida peor”.

Tamén se dirixiu a presidenta de Ulloa Viva ao CEO de Altri, José Soares de Pina. Lembrou as declaracións que fixo en xuño pasado en rolda de prensa en Santiago :”Nós non facemos investimentos en espazos onde as comunidades onde nos integramos non queren esas instalacións”. Gontá convida ao señor Pina "a que veña o 15 de decembro ao Obradoiro, que cumpra coa súa palabra, se é que ten algún valor, e abandonen a idea” de instalarse en Palas de Rei. “Nin o queremos nin o precisamos”, remachou.

Mecanismos antidemocráticos

O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, explicou que esta mobilización protesta contra os “mecanismos antidemocráticos” que está a usar a Xunta de Galicia “para cambiar o noso modelo produtivo por un imposto”. Lembrou que o goberno galego leva meses “tentando que boa parte das persoas 23.000 alegantes non sexan declaradas interesadas”, a través de requirimentos que a Xunta está a enviar desde hai meses a quen asinou as alegacións.

Criticou Rubido que estes son “os mecanismos que está a usar a Xunta do PP para afastar o control da cidadanía” sobre estes proxectos e “diminuír os prazos para favorecer que estas empresas se implanten no territorio coa menor resistencia social posible”. Como exemplo, puxo o voto en contra do PP no Parlamento o pasado 22 de outubro a unha Iniciativa Lexislativa Popular do sector pesqueiro avalada por 17.800 sinaturas, “que pedía declarar de interese xeral ao sector do mar”, e que non puido tramitarse. Fronte a isto, Xaquín Rubido contrapuxo a decisión do Consello da Xunta de Rueda en decembro de 2022 de declarar a macrocelulosa de Altri Proxecto Industrial Estratéxico (PIE), igual que fixo o goberno de Rueda o pasado mes de xuño co proxecto de Cobre San Rafael para a Mina de Touro. “Un sector primario coma a pesca e o marisqueo para o PP non é de interese xeral, pero proxectos industriais que queren espoliar o noso territorio e rematar cos nosos sectores primarios sí son estratéxicos para a Xunta”.

Diante desta evidencia, Rubido cuestionou “que tipo de goberno pode tomar estas decisións”, e asegurou que o 15 de decembro é “máis necesario ca nunca” lembrarlle á Xunta que “non pode calar todo un país”.

Hipotecar os recursos

O presidente da PDRA fixo fincapé “no modelo de país que nos queren impor” con proxectos coma a macrocelulosa de Altri, proxectos industriais que “afectan sectores fundamentais da sociedade galega, como son o agrogandeiro, o do mar, o sector transformador e o sector turístico”. Explicou Rubido que “estres sectores van verse moi afectados polo proxecto de Altri, un proxecto que é contraditorio cos usos da terra e do mar”.

Tamén falou Marta Gontá da auga coma recurso, “un ben escaso que sabemos que aínda o será máis no futuro”, e criticou que a Xunta estea disposta a “hipotecar o río Ulla os próximos 75 anos, un río que atravesa toda Galicia e que é fundamental para o noso modo e calidade de vida”.

Destacou tamén que a necesidade de materias primas coma o eucalipto da macrocelulosa de Altri vai “mudar a superficie forestal de Galicia e incrementar a eucaliptización”. Outras das materias primas que Altri quere espoliar en Galicia é a auga (46 millóns de litros de auga ao día do encoro de Portodemouros e unha vertedura de 30 millóns de litros de auga diarios tratados e a 27 graos). O presidente da PDRA alertou de que a implantación da macrocelulosa “vai diminuír a calidade da auga tanto do río Ulla coma da Ría de Arousa”.

Tamén falou Rubido das afectacións ao Camiño de Santiago, a menos de 2 quilómetros da planta que quere construír Altri en Palas de Rei –nun dos tramos máis concorridos do Camiño Francés que percorren ao ano uns 300.000 peregrinos-.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal