ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-Lugo presenta o programa de roteiros...

11-11-2024

ADEGA-Lugo presenta o programa de roteiros 2024/25 “Auga, o quebracabezas da vida”

A delegación de ADEGA en Lugo presenta a programación de roteiros 2024/25, cuxo tema central será desta vez a problemática da auga, substancia química imprescindible para a vida e da que todo depende. Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio.


O programa de roteros "Auga: O quebracabezas da vida"

  • 17 novembro. O Courel
  • 22 Decembro. Corro dos Mouros/Penarrubia
  • 19 de xaneiro. A Pontenova
  • 16 de febreiro. Castroverde / A horta do Rei
  • 16 marzo. Santo Estevo do Ermo
  • 20 abril. Ancares por Terras do Val do Ser
  • 11 de maio. Carballeda de Valdeorras
  • 15 de xuño. Arousa. ALTRI NON.

A auga, o tema central

A auga caracteriza o Planeta Terra fronte aos corpos do Universo coñecido; e está ameazada por todas partes. Minas como a de Touro alteran gravemente o seu pH, e as louseiras do Courel ou de Valeorras liberan metais pesados que as envelenan. Os campos de aeroxeneradores provocan grandes alteracións nos acuíferos das montañas, porque destrúen os mantos e drenan as augas acumuladas nos cumes, nas lás, lameiros, e brañas, o que modifica gravemente o ciclo hidrolóxico.

Todo está relacionado coa auga: o Courel ferido polas louseiras; o corro dos Mouros coas mouras que peitean seus cabelos dourados á beira das fontes; as augas con forza como a da Pontenova, onde aínda se conservan mazos e antigas centrais hidroeléctricas; as hortas de Castroverde, lugar atravesado por varios regatos. A través destes roteiros poderase admirar a cascada de Santo Estevo do Ermo, espazo recentemente adquirido pola Fundación Eira da Xoana, Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo de Ermo para incorporar ás outras terras nas que xa se desenvolve custodia do territorio.

Así pois, a auga será a protagonista desde Ancares ao mar de Arousa, co que se pechará esta quenda de roteiros. Alí presentarannos a grave problemática que pode provocar na ría máis rica do Atlántico a pasteira Altri prevista para ser instalada na Ulloa, onde vai estragar as augas do río Ulla e máis a ría de Vilagarcía. Como di a que foi presidenta de ADEGA-Lugo durante moitos anos, Montse Lombardía, "só se ama o que se coñece e só se defende o que se ama". Por iso, estes roteiros procuran espallar coñecemento para contribuír a coidar o patrimonio que recibimos dos nosos pais e nais e que temos emprestado das nosas fillas e fillos.

Reserva a túa praza!

Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com) irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a reserva. As persoas interesadas terán que inscribirse a través do formulario de reserva antes das 13:00 do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades, aínda que as persoas socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como estudantado, persoas en situación de desemprego ou menores de 14 anos. 

No caso de que haxa servizo de autobús, as tarifas serán: 

Prezo xeral: 22€; Socios/as de ADEGA: 15€; Estudantes ou en paro: 17€; ata 14 anos: 6€.
Se non hai servizo de autobús a tarifa é de 6€.
O prezo inclúe o seguro de accidentes para menores de 75 anos. 

O pago ten que realizarse con antelación e por transferencia bancaria. Enviaranse os datos unha vez feita a reserva. As prazas asignaranse por orde de inscrición ata o venres previo ao roteiro ás 13h.

Os roteiros son de xornada completa. Cómpre levar roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de todes.

    Para máis información, tamén se pode chamar ao teléfono 982 240299 (local)

    Ligazóns

    Descargas

    ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
    Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
    Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal