Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA coordina a XIII Limpeza Simultánea de...
22-10-2024
A XIII Limpeza Simultánea de Praias celebrarase este ano en 29 concellos de toda Galiza a próxima fin de semana, do 25 ao 27 de outubro. Nela participarán máis de 50 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…). Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados, pero tamén hai novas entidades que se suman agora por primeira vez a esta décimo terceira edición da Limpeza Simultánea de Praias, unha convocatoria que medra ano tras ano.
As limpezas mobilizarán numeroso voluntariado ambiental que se desprazará a praias de toda a costa galega para deixalas libres de lixo, nunha gran xornada de voluntariado e concienciación social. Foron chamados a participar nesta limpeza simultánea e denunciar, así, a problemática ambiental do lixo mariño os centros de ensino, escolas de surf e mergullo, clubs de piragüismo e vela, pescadores, mariscadoras, concellos do litoral, e entidades de todo tipo de Galiza, tanto públicas como privadas, ademais das persoas particulares
Para facilitar a inscrición de persoas, ADEGA pon a disposición un mapa de limpezas con todas as convocatorias previstas ao longo de Galiza. Aquelas que estean impulsadas por grupos abertos que permitan inscrición, contarán coa información de contacto necesaria para unirse á limpeza. Nas redes sociais de cada entidade organizadora tamén estará dispoñible a información clave de inscricións. ADEGA chama a todas as persoas que queiran participar nesta gran xornada de voluntariado a procurar no mapa a praia que mellor lle conveña e a contactar coa asociación ou concello que organiza a limpeza nela.
As limpezas serán ecolóxicas, non mecanizadas, e tratarán de eliminar boa parte dos residuos que están nas praias, coa idea de chamar a atención da sociedade sobre a súa contaminación, procedente de terra adentro. As principais causas desta problemática ambiental débense situar no modelo de consumo e produción baseado no "usar e tirar", na deficiente xestión dos residuos que xeramos e na falta de concienciación dalgúns sectores da poboación. Todo iso provoca que, cada ano, 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos, procedentes, en parte, da industria do mar (pesca, extraccións...), pero tamén dos nosos fogares.
Esta actividade está financiada polos concellos de Ares, Cangas, Carballo, Muros, Nigrán e O Grove.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal