Inicio / Novas / Educación ambiental / Máis de 800 persoas voluntarias recollen case 8...
30-09-2024
Un ano máis, ADEGA e Proxecto Ríos conseguen mobilizar centos de persoas para mollarse polos ríos ao longo de toda a xeografía galega no marco da XVII Limpeza Simultánea de Ríos, que tivo lugar este pasado domingo, 29 de outubro. Grandes grupos e outros máis cativos, rapazada nova e persoas máis maiores, xuntáronse nunha das grandes xornadas de voluntariado ambiental do país cun mesmo obxectivo: coidar dos nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de facer unha xestión sostible do lixo para que a nosa natureza estea ben conservada.
A XVII Limpeza Simultánea de Ríos desenvolveuse ao longo de 56 concellos de toda Galiza coordinada pola organización ecoloxista ADEGA e organizada por unha rede de entidades, asociacións, fundacións, centros de ensino... que se uniron á limpeza e reuniron voluntariado de cada lugar de Galiza para limpar os ríos do seu ámbito xeográfico. Foron, en total, máis de 70 as entidades involucradas nesta limpeza simultánea, que xuntou 800 persoas e na que se recolleron case 8 toneladas de lixo. Moitas destas entidades son asiduas nesta convocatoria anual, pero outras moitas apadriñaron ríos por primeira vez neste 2024, o que evidencia o éxito das actividades de voluntariado ambiental, a medrar ano tras ano.
Ao longo das 17 edicións da Limpeza Simultánea de Ríos, ADEGA e Proxecto Ríos puideron observar unha pequena diminución de lixo nos treitos dos ríos nos que se actuou, pero as cantidades recollidas seguen sendo preocupantes. O voluntariado atopou refugallos moi variados e, coma sempre, abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos... Tamén apareceron rodas, cristais e latas, pilas, restos de madeira e mobles, ferralla, sinais de tráfico, pezas das torres de alta tensión, uralitas, roupa, calzado, etc.
As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron aparecer en abundancia, xunto coas compresas e tampóns, e mesmo máscaras. A organización ecoloxista ADEGA fai un chamamento a reflexionar como sociedade sobre o uso destes materiais e, sobre todo, sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles. Tiralos polo retrete só fará que rematen nos nosos ríos e contaminan os cauces e ribeiras.
No reconto final, ADEGA calcula que os residuos recollidos nos 56 concellos de actuación suman case 8 toneladas de lixo. Con todo, a organización lembra que o principal obxectivo dunha xornada coma esta é axudar a concienciar a sociedade sobre a importancia dunha boa xestión dos nosos residuos. Ademais, ADEGA insiste en que voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, e demanda que a situación en que se atopan os ríos mude. Proximamente, ADEGA publicará na web de Móllate polos Ríos un informe coas conclusións finais desta actividade.
Por último, ADEGA expresa o seu fondo agradecemento a todo o voluntariado galego polo seu compromiso cos nosos ríos. As máis de 800 persoas mobilizadas demostran que a sociedade galega se molla polos ríos.
Para esta actividade, ADEGA e Proxecto Ríos contaron coa colaboración dos concellos da Estrada, Allariz, Ames, Ares, Cangas do Morrazo, Fene, Gondomar, Meis, Melide, Miño, Moaña, Narón, Nigrán, Ourense, Pontecesures, Pontevedra, Rianxo, Salceda de Caselas, San Sadurniño, Compostela, Soutomaior, Tomiño e Verín.
A XVII Limpeza Simultánea de Ríos é unha actuación financiada por Augas de Galiza, Deputación da Coruña e Confederación Hidrográfica Miño Sil.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal