ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Comeza a campaña de outono do Proxecto Ríos

09-09-2024

Comeza a campaña de outono do Proxecto Ríos

O proxecto, iniciativa de ADEGA, desenvolverá unha manchea de actividades: saídas formativas, cursos, roteiros, limpeza simultánea de ríos...


O próximo 15 de setembro comeza oficialmente a campaña de outono do Proxecto Ríos, un programa de ciencia cidadá e voluntariado ambiental de ADEGA que conta cunha traxectoria de case de 20 anos. O obxectivo deste proxecto de educación ambiental é unir persoas e ríos e procurar o coñecemento e conservación das masas de auga continentais do país. 

Na campaña de outono, Proxecto Ríos desenvolve unha manchea de actividades, como son as saídas formativas de treitos de río, cursos de formación para voluntariado e para persoal das administracións, roteiros divulgativos, a limpeza simultánea de ducias de ríos de todo o país ou campos de voluntariado para a eliminación de especies invasoras.

Inspeccións de outono e cursos de formación

A participación no Proxecto Ríos baséase na inspección de treitos de río por parte de grupos de voluntariado que aplican unha sinxela metodoloxía de estudo dos valores naturais nos ecosistemas fluviais, para concluír cal é o seu estado de saúde e calidade ecolóxica. Estas inspeccións realízanse en primavera e outono. Ao longo dos próximos días os grupos participantes recibirán os reactivos para realizar as inspeccións de outono.  

No Proxecto Ríos pode participar calquera persoa con ganas de coñecer e conservar o seu río, e pódense formar grupos familiares, con amizades... Tamén se pode participar desde unha asociaciación de calquera tipoloxía e centros de ensino. Neste último caso, o máis recomendable é a partir do terceiro ciclo de primaria. Os centros de ensino tamén poden participar a través do Plan Proxecta. 

Durante este período realizaranse, ademais, múltiples actividades co fin de formar e achegar a metodoloxía a novas persoas voluntarias, como son os cursos de formación. As xornadas de formación xa programadas terán lugar:

  • O sábado, 28 de setembro no Concello de Soutomaior, demarcación Galicia Sur.
  • O sábado, 5 de outubro na Demarcación da Mariña lucense.
  • O sábado, 19 de outubro no Concello de Cerdedo-Cotobade, demarcación Galicia Sur.

Móllate polos ríos tamén en 2024!

Igualmente, desenvolveranse outras actividades de carácter máis lúdico, como os roteiros e tamén a xa tradicional limpeza simultánea de ríos “Móllate polos ríos”, cuxa XVII edición terá lugar o domingo, 29 de setembro.

Participa no voluntariado de Proxecto Ríos

ADEGA xa está programando as saídas formativas cos grupos de voluntariado. Calquera persoa pode solicitar xa unha saída co seu grupo a través do contacto coa coordinación do proxecto: proxectoriosgaliza@gmail.com. Anunciaremos estas e outras actividades a través da web do Proxecto Ríos, da web de ADEGA, o boletín Gardarríos e as redes sociais.

Proxecto Ríos reforza o seu apoio institucional

Logo de que o ano pasado Augas de Galicia dese por finalizado o convenio con ADEGA para o desenvolvemento das actividades de Proxecto Ríos tras case 20 anos de colaboración, ADEGA conseguiu acadar novos apoios institucionais para o proxecto. Durante este 2024, Proxecto Ríos conta co apoio da Deputación provincial da Coruña e está en vía de renovar a colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño- Sil (CHMS). 

Alén disto, ADEGA foi beneficiaria da convocatoria de axudas feita por Augas de Galicia para o desenvolvemento dun programa que divulgue os valores naturais dos ecosistemas fluviais nas zonas Sur e da Mariña da bacía hidrográfica Galicia-Costa. 

Desde ADEGA queremos expresar o noso fondo agradecemento a todos os centos de persoas e colectivos que contribuíron co seu apoio á campana “Eu quero Proxecto Ríos” a acadar unha maior implicación das institucións públicas co programa de custodia fluvial de ríos máis implantado e con maior traxectoria do país.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal