ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA esixe á Xunta que desbote o proxecto de...

19-07-2024

ADEGA esixe á Xunta que desbote o proxecto de Altri por incumprir as determinacións do Tribunal Europeo de Xustiza

O TXUE determinou que deben considerarse todos os contaminantes nocivos nas autorizacións. Altri só informou de 4 no seu proxecto

Cromo: ADEGA


Unha recente sentenza do Tribunal de Xustiza da UE (Gran Sala), do 25 de xuño de 2024, recaída en Procedemento prexudicial plantexado por un Tribunal italiano, vén de aclarar o alcanzo e interpretación de certos preceptos da Directiva 2010/75/UE (IPPC), sobre as emisións industriais (prevención e control integrados da contaminación), e entre outras cuestións determinou o seguinte:

"A Directiva 2010/75/UE debe interpretarse no sentido de que, para os efectos de expedir ou revisar unha autorización de explotación dunha instalación ao abeiro da devandita Directiva, a autoridade competente deberá ter en conta, ademais das substancias contaminantes previsibles, á vista da natureza e tipo de actividade industrial de que se trate, todas aquelas que sexan obxecto de emisións cientificamente recoñecidas como nocivas que poidan emitir a instalación, incluídas as xeradas por esa actividade que non fosen avaliadas no procedemento de autorización inicial desa instalación."

En base a este pronunciamento, a Xunta está obrigada a tomar as previsións pertinentes en relación ás avaliacións previas das repercusións da actividade do complexo induustrial de Greenfiber (Altri + Greenalia) na Ulloa, tanto sobre o medio ambiente como sobre saúde humana, e a integrar ditas previsións nos procedementos de expedición dos permisos de explotación. A Adminsitración deberá ter en conta, ademais das substancias contaminantes previsibles en función da natureza e o tipo de actividade industrial de que se trate, "todas as substancias suxeitas a emisións cientificamente recoñecidas como nocivas que poidan ser emitidas pola instalación".

Altri só informou no seu proxecto de 4 contaminantes atmosféricos das ducias que produce

O proxecto de Altri-Greenfiber que foi obxecto de información pública e nestes intres está pendente de resolución da AAI (Autorización Ambiental Integrada), do trámite ambiental (DIA) e da solicitude de utilidade pública só contemplou e cuantificou catro substancias contaminantes a atmosfera (partículas PM10, óxidos de nitróxeno, óxidos de xofre e TRS -compostos reducidos de xofre-). Non cuantificou nin determinou os efectos ambientais e sobre a saúde das partículas finas PM2,5, o dióxido de carbono (CO), monóxido de carbono (CO2), amoniaco (NH3), compostos orgánicos volátiles distintos do metano (COVNM), óxido nitroso (N2O), dioxinas e furanos (PCDD+PCDF), carbono orgánico total (COT), metano (CH4), mercurio (Hg), cadmio (Cd), zinc (Zn)... Xa que logo Altri-Greenfiber estaría a incumprir os mandatos da Directiva 2010/75 ao ocultar datos sobre unha morea de contaminantes que emite, perigosos para a saúde e o ambiente.

A Xunta debe desestimar o actual proxecto e aplicar a Directiva IPPC dacordo coa interpretación do TXUE

Xa que logo, e en aplicación da interpretación fixada pola sentenza do TXUE a Xunta debería desestimar a solicitude de AAI (Autorización Ambiental Integrada), a solicitude de utilidade pública, o EIA (Estudo de Impacto Ambiental) e o proxecto presentadas por Altri-Greenfiber. Asemade, e en previsión de novas solicitudes, debería requerir á mercantil para que proceda a determinar “todas aquelas -substancias- que sexan obxecto de emisións científicamente recoñecidas como nocivas que poidan ser emitidas pola instalación, incluidas as xeradas por esa actividade que non foran avaliadas no procedemento de autorización inicial desa instalación”, así como a someter novamente a trámite de información pública pública a solicitude de AAI, o EIA, a declaración de utilidade pública e o proxecto.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal