ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Sen avances na xestión ambiental do lixo na...

17-07-2024

Sen avances na xestión ambiental do lixo na Coruña, 25 anos agardando unha solución

Os residuos acumúlanse nas rúas da cidade da Coruña sen que autoridades e entidades implicadas resolvan a situación.

Centos de toneladas de residuos, quizás miles, acumúlanse nas rúas da cidade da Coruña sen que autoridades e entidades implicadas saiban poñerlle solución. Para a Plataforma pola Reciclaxe “Nostián con Futuro” é, sen dúbida, unha situación que empeora a calidade ambiental da cidade, con consecuencias manifestas para toda a cidadanía (de sucidade, ocupación do espazo, malos cheiros, afectación ao desenvolvemento normal de todo tipo de actividades, e finalmente para a saúde).

Este conflito pon de relevo unha vez máis as deficiencias da xestión municipal en toda a cadea do lixo, non só no servizo de recollida, senón tamén na xestión da propia planta de Nostián, como evidencia que o seu persoal estea tamén a mobilizarse. Quizais a principal eiva deste goberno municipal sexa a falta de transparencia e información. Este foi o motivo principal polo que a Plataforma pola Reciclaxe “Nostián con Futuro” deixou de ter xuntanzas coa Concellería de Medio Ambiente, e é unha das principais demandas do persoal traballador de Nostián.  Faltan menos de 6 meses para que remate a prórroga forzosa do contrato de xestión da planta, e a cidadanía segue sen saber que quere facer o Concello da Coruña, a pesar de ter anunciado en diversas ocasións a publicación dos pregos de licitación. Unha evidencia máis de desinterese e abandono, igual que o feito de que non exista convenio entre o Concello e Ecoembes neste ano 2024.

Pero esta situación non é nada novo, senón máis ben unha constante nos últimos 25 anos dende a creación da planta de reciclaxe. Gobernos de distintas cores pasaron por María Pita nestes últimos anos e ningún foi capaz de frear o engorde dunha estrutura presuntamente delitiva dentro dun servizo tan crucial para o medio ambiente e para as persoas. O sindicato STL é unha estrutura presuntamente delitiva con disfrace de sindicato que preme a administracións e cidadanía para conseguir beneficios para quen dirixe, non para quen traballa. Os paros e mobilizacións que son lexitimamente utilizados por moitas traballadoras para mellorar as súas condicións laborais, só consigue neste caso xerar confusión e contaminación.

É preciso unha maior implicación da cidadanía na xestión de residuos. A cidadanía segue a percibir o lixo como algo ao que non hai que mirar, senón agochar. Porén, iso que non queremos ver non é lixo, senón materiais imprescindibles para unha economía circular e sustentable. É misión da administración poñer os medios para que todas as persoas da cidade sexan conscientes desta situación e dean a importancia que realmente ten este problema ambiental ao que nos enfrontamos.

É por este motivo que dende a Plataforma urximos unha solución ao conflito actual. Pedímoslles ás administracións e á empresa de recollida de lixo que non cedan á chantaxe dos que secuestran un servizo público tan importante para o medio ambiente e a cidadanía, pero tamén chamamos a atención para que este conflito non impida vermos o verdadeiro problema da actual xestión de residuos, que é a súa non sustentabilidade ambiental, social e económica.

SOLUCIÓN AO CONFLITO E CAMBIO DE MODELO XA!

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal