ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Plano Director da Rede Natura: o novo PXOM de...

28-03-2014

Plano Director da Rede Natura: o novo PXOM de Feijóo e Hernández

Unha regulamentación discrecional para unha Rede Natura virtual

Facer do que debería ser unha excepción, regra; considerar como permitido o que debera ser autorizábel e como autorizábel o que debera estar proibido, coa fin de baleirar de contido as proteccións ambientais, "pontear" a Directiva de Hábitats e arrogarse a potestade de autorizar discrecionalmente calquera cousa, é o espírito deste Plano de Deconstrución da Rede Natura.

No documento, un traxe único para espazos de costa e interior, de montaña e marítimos, mediterráneos e atlánticos, a Xunta abusa da discrecionalidade e das excepcións para permitir, por exemplo, construir piscifatorías, incineradoras, autoestradas, concentracións parcelarias e aumentar a edificabilidade nun 50% nas zonas de protección (26,4% do total).

Para o resto da RN2000, practicamente hai barra libre: Plantacións de eucaliptos, queimas de montes, caza, rallys, introdución de especies exóticas ou transxénicas poden ser declaradas pola Xunta "compatíbeis" cos obxectivos de conservación destes espazos. Nen sequera os parques eólicos, encoros e minas están excluidas: Permítese unha ampliación de facto vía "modernización" e mesmo a minaría a ceo aberto, en teoría proibida, pode seguir abrindo buracos en Rede Natura xa que fican excluídas da prohibición non só ás explotacións xa outorgadas senón tamén ás solicitadas.


Unha zonificación á medida dos intereses especuladores

Na zonificación dos espazos do Plano Director, a Xunta recurta a 3 as zonas (1 "protección, 2 "conservación" e 3 "uso xeral"), prescindindo da zona de reserva para os territorios cos máximos valores ou necesidades de conservación en función da presenza de hábitats e especies raras, fráxiles, de grande singularidade ou moi ameazadas.
Curiosamente, a mesma equipa técnica redactora (pero con outra dirección política) si contemplaba no documento de 2008 unha zonificación en 4 áreas, cunha área de reserva e unha maior representación da zona de protección (xusto o duplo, 53,5% fronte a 26,4%).

A Xunta fusionou tamén as zonas de "uso restrinxido" coas de "uso moderado" recollidas na proposta de 2008 e denominouna "área de conservación". O resultado: rebaixa das cautelas ambientais nada menos que no 67,6% do territorio da Rede Natura Galega para permitir ou autorizar a discreción actividades non tradicionais, maila á presenza de hábitats prioritarios.

As medidas de xestión? Arbitrariedade, clientelismo e especulación

No tocante ás medidas de xestión, a Xunta considera usos autorizábeis en toda a Rede Natura "Todas aquelas actividades directamente relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública ou con outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde, ou ben que poidan ser obxectivamente consideradas como accións positivas de primordial importancia para o medio ambiente, sempre que cumpran co disposto no artigo 6 da DC 92/43/CEE." Isto significa que o que a Directiva de Hábitats e a Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade considera unha excepción, a Xunta convírteo en regra, antepoñendo intereses económicos e políticos á obriga de conservar o patrimonio natural.

Feijóo e Hernández abren a porta para que de xeito discrecional e ao abeiro do que decida o conselleiro de turno, actividades manifestamente agresivas e opostas aos obxectivos de conservación (piscifatorías, incineradoras, autoestradas, concentracións parcelarias, urbanizacións, plantacións de eucaliptos, queimas de montes, caza, rallys, introdución de especies exóticas ou transxénicas...) poidan ser declaradas "compatíbeis" e autorizadas pola Xunta, mesmo nas zonas de maior valor. Con este Plano Director, a Xunta consagra a discrecionalidade, a arbitrariedade, o clientelismo e a especulación na xestión do noso patrimonio natural máis valioso e transforma a Rede Natura nun polígono industrial para beneficio dos especuladores amigos do poder, en perxuízo da poboación local e do uso sustentábel destes espazos.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal