Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Manifesto ecoloxista: "A ampliación da Rede...
21-05-2024
Hoxe, 21 de maio, Día Europeo da Rede Natura 2000, aproveitamos para reivindicar a protección efectiva da natureza. Porque esta rede de espazos naturais protexidos, creados ao amparo das directivas de Hábitats e de Aves, é imprescindible para que a biodiversidade europea teña unha oportunidade de futuro.
Entidades ambientalistas e particulares en toda Europa reclamamos ás administracións que apliquen todas as medidas necesarias para garantir a neutralización de impactos e a restauración de hábitats naturais en todos os espazos protexidos da Rede Natura 2000, sexan Zonas Especiais de Conservación ou Zonas de Especial Protección para as Aves.
Ademais, as entidades asinantes pedimos que se amplíe a superficie de Rede Natura 2000 no territorio terrestre galego de maneira urxente, de forma que, como mínimo, se triplique a superficie protexida antes do ano 2030. Isto suporía pasar do ridículo 12% do territorio terrestre galego protexido actualmente -na cola do estado español- ata un 36% a seis anos vista, porcentaxe que xa permitiría asegurar a conectividade de hábitats e especies de conservación prioritaria.
Con todo, esta protección debería ir da man dun correcto manexo dos espazos, apoiada en plans de xestión e unha vixilancia efectiva destas áreas protexidas. As entidades asinantes esiximos tamén que se aumente o número de efectivos encomendados a labores de xestión, vixilancia e sanción dentro da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos, e que se supervisen de xeito eficaz todas e cada unha das áreas protexidas todos os días do ano, incluíndo as situadas no mar.
Actualmente asinan e promovan este manifesto 31 entidades ecoloxistas e naturalistas de Galiza, mais o manifesto ficará aberto a novas adhesións de colectivos ata o vindeiro 4 de xuño, véspera do Día Mundial do Medio Ambiente. As novas adhesións pódense comunicar ata esa data no correo electrónico: damian.romay@gnhabitat.org
Asinan este MANIFESTO pola ampliación da Rede Natura 2000 en territorio galego e por unha xestión e vixilancia efectivas dos espazos naturais protexidos:
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal