ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Pesar profundo pola perda de Miguel Anjo...

19-04-2024

Pesar profundo pola perda de Miguel Anjo González, referente de ADEGA na comarca de Ferrol

Hoxe é un día de profunda tristeza en ADEGA... Vimos de perder un queridísimo compañeiro de loita e amigo.

Miguel Anjo González García deixounos onte, de súpeto... Referente de ADEGA e do activismo ecoloxista na comarca de Ferrolterra, ocupou o cargo de secretario de ADEGA-Ferrolterra na última década e tamén formou parte da nosa Xunta Directiva.Miguel Anjo foi un bo e xeneroso, loitador incansábel polo ben común, con grande corazón e capacidade de traballo, que daba todo polos demais sen nunca agardar nada a cambio. Activista enérxico no campo ecoloxista, pero tamén no social, no da saúde e no político.

O seu tempo, a súa vontade, o seu pensamento estaban nas causas comúns e na Galiza, porque sempre foi un profundo crente da organización social como principal ferramenta de influencia política, para acadar a xustiza social, a protección ambiental, os dereitos dos pobos, e un mundo e unha Galiza, en definitiva, máis saudábel, máis humana, máis xusta, máis pacífica.

Tamén foi un prolífico divulgador radiofónico. Dirixiu tres programas en Radio Filispim relacionados coas causas sociais: Barriga Verde, Refugallo Cero e Conselleiro Molotov.

Miguel Anjo defendía con vehemencia, orgullo e valentía a súa terra, desde todas as frontes posíbeis. E ademais de compañeiro comprometido, era un amigo. Cantos coma el precisamos! Cantos coma el precisa esta terra! Esa mesma que agora te leva...

Desde ADEGA queremos facer chegar o noso pésame á súa familia, amizades e compañeiras de loita!

Que a terra che sexa leve, compañeiro! Ata sempre!

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal