Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Xunta coñecía a presenza de especies ameazadas...
11-04-2024
A presenza de especies ameazadas, mesmo en perigo crítico de extinción no territorio afectado polas instalacións da celulosa de ALTRI, era coñecida pola Xunta dende hai anos. Porén, e logo de gastar preto de 300.000€ en estudalas e preparar a documentación técnica, nunca chegou a aprobar no DOG os instrumentos de xestión (Planos de conservación e recuperación) destas especies.
O Catálogo galego de especies ameazadas foi aprobado en 2007 polo goberno bipartito. Nel intégranse, segundo a Xunta "aquelas especies de flora e fauna que presentan algún tipo de ameaza para a súa supervivencia, e para ás que as medidas de protección van máis alá da súa mera protección en termos xerais e a conservación xenérica de espazos. Deste xeito as estas medidas concrétanse na elaboración de Plans de xestión [de recuperación, para as especies en perigo, e de conservación, para as vulnerábeis] adaptados ás necesidades biolóxicas particulares de cada unha das especies catalogadas."
Estas ferramentas, segundo a web da Xunta "contemplan as medidas que se deben adoptar para a protección e o manexo da especie e dos seus hábitats e un plan de seguimento para avaliar a súa efectividade. Para elo, os plans de xestión deben de partir do grado de coñecemento da situación da especie e desenvolver, ou no seu defecto propoñer, os traballos necesarios para xerar a información necesaria [] que sustentarán as medidas propostas".
Porén, e malia a que hogano este Catálogo está integrado por unhas 200 especies, só 4 delas (píllara das dunas, escribenta das canaveiras, sapoconcho común, e oso pardo), teñen un Plan de xestión aprobado e en vigor. Como consecuencia deste desleixo, a maioría das especies máis sensíbeis e raras do noso patrimonio natural e os seus hábitats fican na prática desprotexidas e ao abeiro de iniciativas e intereses espúreos.
O proxecto industrial de ALTRI (agora Greenfiber) sometido ao procedemento de Autorización Ambiental Integrada sitúa as súas instalacións nun territorio con presenza comprobada de numerosas especies ameazadas, mesmo algunhas endémicas e en perigo crítico de extinción.
Unha sinxela busca na web colborativa biodiversidade.eu (ver mapa) que mesmo consultou ALTRI para o seu proxecto ocultando algunhas citas, amosa a presenza no territorio afectado polo proxecto de 5 especies en perigo de extinción, tres delas plantas endémicas estritas: son a santolina de Melide (Santolina melidensis), a herba de namorar de Merino (Armeria merinoi) e a magarza de Barazón (Leucanthemum gallaecicum). A estas hai que engadir tamén tres especies de invertebrados, o mexillón de río (Margaritifera margaritifera), a libeliña Macromia splendens ambas as dúas en perigo de extinción; e outra libeliña, a Oxygastra curtisii, especie vulnerábel.
Tanto as instalacións do polígono químico da fatoría como outras infraestruturas críticas do proxecto (tubaxes de captación e vertedura, conducións eléctricas etc.) atinxen a territorios con presenza confirmada destas especies protexidas. Se a Xunta tivera aprobado os seus correspondentes planos de xestión, coa preceitiva zonificación e medidas de protección e manexo, practicamente todo o territorio afectado por ALTRI, incluído o treito do Ulla augas abaixo da fatoría até o encoro de Portodemouros, sería incompatíbel co proxecto.
A Xunta sabía da excepcional riqueza deste patrimonio ambiental e decidíu non blindar a súa protección. Mais non só se trata de desleixo ou incompetencia cómplice: tamén gastou 281.635,01€ en licitar, adxudicar e pagar diversas asistencias técnicas para redactar os planos de xestión destas 5 especies en perigo de extinción presentes (+ 1 probábel, o fento acuático Isoetes fluitans) na zona afectada por ALTRI (+2 vulnerábeis, incluindo á auganeira Galemys pyrenaicus, tamén de presenza probábel no Ulla e afluentes), ver táboa.
O comportamento da Xunta no que atinxe á xestión das especies ameazadas, e nomeadamente para algunhas das afectadas polo proxecto de ALTRI podería mesmo ser constitutivo de delito: obsérvase que para os endemismos serpentiníticos licitáronse dúas asistencias técnicas en 2007 e 2019, gastando un total de 47.000€. O mesmo para o mexillón de río, nos anos 2007, 2019 e 2023, cun custo de 127.170,61€. Malia á reiteración das adxudicacións para a mesma finalidade, en todos eses anos non foi aprobado ningún plano de recuperación para estas especies en perigo, obxectivo último do gasto.
A cousa pode ser aínda máis grave, porque ao desbaldimento de cartos públicos podería engadirse tamén o delito ambiental por inacción dolosa: coñecendo o estado de conservación destas especies e as súas necesidades de manexo e protección, non aprobar os correspondentes planos de xestión puido derivar nun deterioro das súas poboacións, obxectivable mediante os datos e conclusións das propias asistencias técnicas.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal