ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O TSXG paraliza cautelarmente o parque eólico...

04-04-2024

O TSXG paraliza cautelarmente o parque eólico Monte da Croa a instancias de ADEGA

O informe técnico de ADEGA advirte que as instalacións autorizadas destruirían unha zona de cría dunha manda estable de lobos (Canis Lupus).


O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de notificar un Auto á organización ecoloxista ADEGA polo que acolle a solicitude de paralización cautelar da executividade da resolución pola que a Xunta de Galicia autorizou o parque eólico Monte da Croa, promovido por Cartelar Vimira 24, SLU (Villar Mir), nos concellos de Vimianzo e Dumbría. A resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta pola que se outorgou autorización administrativa previa e de construción deste proxecto eólico, tivo lugar hai agora un ano, o 23 de abril de 2023, e foi publicada no Diario Oficial de Galicia o 11 de maio do pasado ano. O alto tribunal galego fundamenta a adopción da medida cautelar nas probas achegadas por ADEGA en canto ás deficiencias na avaliación de impacto ambiental do proxecto eólico, en particular, sobre os efectos na avifauna ameazada e no lobo ibérico. 

No informe técnico achegado pola organización ecoloxista ADEGA xunto coa solicitude de suspensión cautelar, poñíase de relevo a minusvaloración por parte da Xunta de Galicia da afección do polígono eólico sobre os espazos naturais de Rede Natura 2000 próximos, sobre a conectividade ecolóxica das áreas protexidas e sobre as zonas de ampliación da rede propostas en 2008 e 2011. Tamén achegou proba da falta dunha adecuada avaliación do impacto eólico sobre as zonas húmidas inventariadas polo IBADER presentes na área de estudo e sobre a avifauna ameazada. O auto xudicial tamén considerou e destacou de forma especial o potencial risco de efecto barreira que unha alta densidade de infraestruturas eólicas pode ter sobre as poboacións de aves e morcegos, recoñecido pola propia Xunta e posto de manifesto na resolución desfavorable de declaracións de impacto ambiental de diversos parques eólicos proxectados na mesma zona que o de Monte da Croa. Outro dato determinante que o TSXG tivo en conta para adoptar a citada medida cautelar foi a significativa afectación que a construción deste polígono eólico podería ter sobre un núcleo  reprodutor estable de lobo ibérico, segundo os datos achegados por ADEGA. 

Coa paralización cautelar do proxecto, o TSXG pretende evitar que se exerzan danos irreparábeis sobre o medio ambiente, cuxa preservación considera que debe prevalecer “fronte os intereses públicos na utilización das enerxías renovables e económicos da promotora”, ao atopar suficientes indicios que dan conta de que o acto administrativo impugnado -a autorización do parque eólico Monte da Croa- podería causar “prexuízos de difícil reparación ao medio ambiente como ben xurídico constitucionalmente protexido”.

Un paso adiante contra a presión eólica da Costa da Morte

ADEGA expresa a súa satisfación ante o presente auto de suspensión cautelar por canto representa un paso importante fronte a presión eólica que xa a día de hoxe sofre a Costa da Morte -recoñecida pola propia Xunta-, ademais de facer prevalecer cautelarmente a protección de especies e hábitats ameazados por diante dun modelo eólico que ten sobradamente demostrado o seu carácter abusivo, irregular e depredador do territorio. A organización ecoloxista lembra que o efecto acumulativo do cento de eólicos que actualmente operan no Concello de Vimianzo, máis os que están en tramitación, fai que este desenvolvemento industrial sexa ambientalmente incompatible. 

O proxecto eólico Monte da Croa, agora suspendido cautelarmente, consta de 7 aeroxeradores que suman unha potencia de 27,90 MW, e que afectan a unha superficie desproporcionada na que habitan ata 26 especies con distintos graos de protección, como a salamántiga rabilonga, a víbora de Seoane ou as aves migratorias ameazadas que visitan as lagoas de Castrelo. Nesta zona, desde hai máis dun lustro, tamén está confirmada a presenza dunha manda estable de lobos, cuxa zona de cría se ocuparía con varios do aeroxeradores. 

O impacto sobre o patrimonio cultural tamén é significativo. O P.E. Monte da Croa tería un efecto negativo sobre as necrópoles megalíticas de Baíñas, varios achados arqueolóxicos de Castrelo, o petróglifo do Cotriño, os 14 muíños fluviais de Cambeda, ou 13 mámoas, deixando a vila de Vimianzo sen ningún punto do seu horizonte libre de eólicos ou liñas de alta tensión.

Agradecementos

ADEGA quere partillar esta boa nova, agradecer e parabenizar a todas aquelas persoas, colectivos e plataformas que fixeron posible, a través da campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos (https://tipodesparalos.helpbysc.com/montedacroa), que a organización ecoloxista puidese interpoñer no TSXG recurso contencioso-administrativo contra este proxecto eólico e solicitar a súa paralización cautelar. Agora fica agardar á resolución do recurso contencioso-administrativo.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal