Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA esixe ao Ministerio que exclúa a celulosas...
08-02-2024
As pasteiras de ALTRI e ENCE aspiran a captar fondos PERTE para a descarbonización industrial malia incumpriren as condicións das axudas e o marco normativo europeo. ADEGA esixe ao Min. de Industria que rexeite financiar este tipo de proxectos.
O goberno do Estado habilitou unha liña de axudas (subvencións e empréstitos) de 3.100 millóns de € para a descarbonización industrial dentro do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE). A estas axudas empresas como as pasteiras ENCE e ALTRI xa anunciaron a presentación de proxectos.
Dende ADEGA chamamos a atención sobre as contradicións que amosan proxectos como os de ALTRI, que baixo o pretexto de contribuiren a reducir as emisións e capturar carbono, agochan un maior consumo de recursos naturais, unha maior contaminación e a degradación de hábitats e servizos ecosistémicos chave para mitigar os efectos do cambio climático: xusto o contrario do que pretende tanto o PERTE como o marco normativo europeo.
Un dos obxectivos do PERTE é o fomento da descarbonización dos procesos industriais e a mellora ambiental. Para isto establece unha serie de axudas para a electrificación de procesos e incorporación do hidróxeno; a xestión enerxética integral de procesos industriais; a redución do uso de recursos naturais o a captura de carbono.
Dentro desta última liña de axudas, a captura de carbono, inclúense as solictudes de ALTRI e ENCE. Porén, unha das condicións que o PERTE establece para financiar proxectos de captura, almacenamento e uso do carbono é "que estes proxectos non contraveñan o principio de DNSH".
O Principio DNSH (Do No Significant Harm) é unha condición definida pola Comisión Europea que obriga a realizar unha autoavaliación que asegure que o investimento ou reforma non afecta negativamente a un, ou varios, dos 6 obxectivos medioambientais definidos no Regulamento 852/2020.
O Regulamento (UE) 852/2020 relativo aos investimentos sustentábeis establece no seu Artigo 9 cais son eses 6 obxectivos medioambientais que os proxectos deben respectar (non afectar negativamente a un ou a varios) para seren considerados investimentos sustentábeis e, consecuentemente, seren financiados polo PERTE:
a) mitigación do cambio climático;
b) adaptación ao cambio climático;
c) uso sustentábel e protección dos recursos hídricos e mariños;
d) transición para unha economía circular;
e) prevención e control da contaminación;
f) protección e recuperación da biodiversidad e dos ecosistemas.
Fica moi claro que ALTRI e ENCE incumpren claramente cando menos catro destes obxectivos, e posiblemente tamén os outros dous.
Dende ADEGA preguntámonos como é posíbel que celulosas como a de ALTRI ou ENCE pretendan facer ver ao Ministerio que os seus proxectos contribúen ao uso sustentábel e protección dos recursos hídricos e mariños, a reducir a contaminación ou a permitir recuperar a biodiversidade dos ecosistemas.
A natureza dos seus procesos industriais, moi intensivos no consumo de enerxía e recursos naturais como a auga; a forte contaminación que producen; os enormes requerimentos de insumos como a madeira de eucalipto, alongando o nefasto modelo do monocultivo intensivo; o deterioro dos hábitats naturais e a perda de biodiversidade que directamente causan ou inducen, son algúns dos factores que o Ministerio está obrigado a considerar para avaliar se estes proxectos cumpren cos requisitos de financiamento que a UE establece para recibir fondos PERTE.
É moi evidente que non os cumpren, polo que o Ministerio non debería sequera admitir a trámite (como aconteceu cos fondos NextGeneration) proxectos de celulosas como o de ALTRI, para non comprometer recursos públicos nin facer perder o tempo á cidadanía e ás propias peticionarias.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal