Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA procura apoios na campaña "Eu Quero...
02-02-2024
No día Mundial dos Humidais, ADEGA pon en marcha a campaña #euqueroproxectorios para recadar apoios para instar ás administracións públicas a darlle soporte e continuidae ao proxecto de educación e voluntariado ambiental con maior traxectoria e implantación en Galiza.
O motivo que nos obriga a lanzar esta campaña é a lamentable decisión do organismo autonómico Augas de Galicia de retirar o seu apoio económico e institucional a todo o programa de actividades de Proxecto Ríos para o ano 2024. Este feito sitúa a continuidade do proxecto nun estado de incerteza e dificulta de forma significativa a capacidade de ADEGA para poder abordar en toda a súa integridade as actividades de formación e voluntariado ambiental que vimos desenvolvendo ininterrompidamente nos últimos 20 anos.
O cese da colaboración de Augas de Galicia supón ademais a rescisión do único convenio e acordo de colaboración que ata o momento mantiña a Xunta de Galicia con ADEGA para programas de educación e voluntariado ambiental en todo o territorio galego.
Diante desta decisión de Augas de Galicia, preséntasenos un grande reto: procurar novas vías de financiamento para seguir mantendo, e mesmo ampliando, as actividades de Proxecto Ríos en todo o territorio galego, así como dar soporte a toda a comunidade de colaboradores e voluntarios e voluntarias, que cada ano supera as 6.000 persoas. Un reto que, lonxe de desmotivarnos, nos dá máis forza para seguir loitando por Proxecto Ríos e pola súa incidencia social e ambiental, pola custodia fluvial e pola participación cidadá e o voluntariado no estudo e conservación dos nosos ríos.
Ao mesmo tempo, queremos deixar claro que este contratempo NON implicará a suspensión do programa de actividades para este ano. Confiamos en atopar pronto unha solución, polo que vos animamos a que fagades xa as vosas solicitudes de actividades de Proxecto Ríos para 2024.
Levamos a causa no noso corazón e por iso imos facer todo o posible por darlle a Proxecto Ríos o recoñecemento que merece. Porén, necesitamos da túa axuda e apoio para facer un chamamento ás administracións públicas, sobre todo á Xunta de Galicia e a todos aqueles organismos con competencias en educación ambiental, voluntariado e conservación dos ríos e augas, para que invistan no proxecto de educación e voluntariado ambiental con maior traxectoria e implantación en Galiza, garantindo a súa continuidade futura.
Con este propósito, promovemos a campaña #euqueroproxectorios dentro da cal podedes amosar o voso apoio de tres maneiras:
Desde ADEGA e a equipa de Proxecto Ríos aproveitamos para manifestar o noso profundo agradecemento a todas as persoas e entidades que formades parte desta grande comunidade ambiental ligada ao coidado dos ríos galegos, por amosarnos o voso apoio e confianza ao longo destes anos.
Comprometémonos a seguir “Unindo Ríos e Persoas”!
Espalla a campaña#euqueroproxectorios
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal