Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-Vigo alerta dunha nova vertedura nas...
30-01-2024
Membros de ADEGA descubriron e notificaron ante as autoridades a presenza dunha vertedura no bosque aluvial por onde transcorre o río Lagares á altura do aeroporto de Peinador, en concreto nas inmediacións da fonte das Valadas en terreos propiedade da CMV de Cabral.
A vertedura proviña de dous canos que aliviaban directamente sobre o espazo natural un lodo que probabelmente, polo aspecto e forte cheiro, contiña residuos hidrocarburados.
Unha vez detectada a vertedura, deuse inmediatamente aviso ás autoridades para informar do lugar, natureza da vertedura e área aproximada de afectación, achegándose unha patrulla da Policía Local que procedeu a dar inicio á investigación para esclarecer a orixe da mesma.
Dende ADEGA queremos destacar que non estamos a falar dun feito illado, xa que o río Lagares sofre periodicamente verteduras que proveñen das múltiples naves industriais que se asentan ao carón do seu leito ao longo do seu curso. Ademais, cómpre lembrar, que hai poucos meses o río e o seu ecosistema vexetal asociado sufriu un ataque a poucos metros deste, en concreto no seu nacemento na Lagoa de Mol, cando foi feita unha corta indiscriminada con movementos de terra que modificaron os fluxos de auga. Instamos, unha vez máis, a protexer de forma real o río Lagares e os bosques de ribeira e que, unha vez concluída a investigación que permita esclarecer a orixe da vertedura, os responsables da mesma, ademais de ser sancionados, teñan que restablecer o estado previo do espazo natural.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal