Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ALTRI ocultou información sobre o impacto da súa...
16-01-2024
O proxecto da celulosa ALTRI na Ulloa obvia que vai ocupar un territorio proposto pola Xunta para integrar a Rede Natura 2000 e que contén endemismos galegos en perigo de extinción.
No trámite de exposición pública para a concesión de augas (captación e vertido) da fatoría que a pasteira ALTRI pretende instalar en Palas de Rei, hai interesante información sobre os "non impactos" desta macrocelulosa.
De entrada, chama a atención que pretendan instalar todo un polígono industrial xusto a carón (a cero metros) dun espazo protexido (ZEC Serra do Careón) con hábitats prioritarios e consideren que o seu impacto sexa "compatible".
A seguir, en ningunha parte do EIA (Estudo de Impacto Ambiental) menciónase o feito de que os terreos a ocupar polas infraestruturas de ALTRI fan parte da proposta de ampliación da Rede Natura 2000 galega, presentada pola Xunta tanto en 2008 como en 2011 (ver Figura 1). Esta ampliación respostaba á necesidade expresada pola propia Comisión Europea, de ampliar a representación de determinados hábitats no Estado Español, e particularmente en Galiza. A renuencia da Xunta a ampliar os espazos protexidos baixo esta figura provocou a apertura dun procedemento de infracción por parte da CE. Sería paradoxal que os fondos europeos que reclama ALTRI para construir a súa fatoría serviran para coartar a ampliación da RN2000 e degradar un espazo para o que a propia CE reclamou protección.
Un dos impactos máis significativos da macro-celulosa de ALTRI deriva de ubicarse nun territorio de singular rareza xeolóxica e botánica: o complexo de rochas ultramáficas do Careón. Asociadas a estas rochas aparecen especies vexetais únicas: plantas endémicas cuxa área de distribución mundial limítase a uns poucos km2 nos que afloran estas rochas serpentiníticas. En concreto, estes raros endemismos botánicos afectados polo proxecto son os seguintes:
-A santolina de Melide (Santolina melidensis) (Rodr. Oubiña & S. Ortíz) Rodr. Oubiña & S. Ortiz.
-A herba de namorar de Merino (Armeria merinoi) (Bernis) Nieto Fel. & Silva Pando.
-A magarza de Barazón (Leucanthemum gallaecicum) Rodr. Oubiña & S. Ortiz.
Estas tres especies están catalogadas como "En perigo de extinción", e a elas hai que engardir tamén a Centaurea gallaecica (M. Laínz) Arnelas & Devesa, considerada como "Vulnerábel" no Catálogo galego de especies ameazadas.
Na documentación do proxecto, ALTRI ocultou a presenza destas especies dentro das fincas ocupadas pola celulosa e noutros casos alterou a súa ubicación, malia a existiren citas recentes que certifican a presenza destes raros endemismos botánicos neses terreos (ver Figura 2).
Este tipo de "esquecementos" non son casuais cando se trata de vender as bondades dun proxecto (celulosa, eólica, mina...) a unha administración que xa o declarou "de interese estratéxico" en decembro de 2022, e para a que o noso patrimonio natural non é máis que outro molesto atranco.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal