ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / A CHMS confirma a ADEGA-Lugo que o caneiro non é...

29-12-2023

A CHMS confirma a ADEGA-Lugo que o caneiro non é do Clube Fluvial

Nun comunicado recibido o pasado día 15 de decembro, a CHMS respondía á solicitude presentada por ADEGA-Lugo sobre a concesión e titularidade do caneiro que conecta a fábrica da luz co Clube Fluvial, indicando que “o devandito caneiro é unha infraestrutura que se atopa vinculada e incluída na Concesión de aproveitamento de auga do río Miño, en Castro Romay, Saamasas, concello de Lugo (Lugo), con destino á produción de enerxía eléctrica. Central da Fábrica da Luz”.

Esta información contradí o establecido no Proxecto para a renovación da concesión e legalización das instalacións existentes no Clube Fluvial de Lugo, no que se indicaba que o caneiro ou dique que delimita a zona de baño, e que conecta as instalacións da entidade deportiva coa fábrica da luz, formaba parte das instalacións do Clube Fluvial, porén revisando as fichas do PXOM de Lugo, o caneiro figura de titularidade pública e non privada, ao que hai que engadir a resposta por parte da CHMS.

O caneiro xa non presenta as denominadas “bocas”abertas, agora son máis pequenas, e as comportas están pechadas por completo e son xestionadas pola entidade deportiva. Recubriron as lousas de pedra da “espiga ou espigón”, impermeabilizando aínda máis o caneiro, e polo tanto, sen permitir o fluxo de auga, sedimento e fauna como as construcións tradicionais, convertendo o caneiro nunha presa para uso recreativo dentro da Rede Natura. É importante lembrar os episodios producidos durante o verán, coa aparición de troitas mortas á altura da fábrica da luz, debido á falta de caudal e ás altas temperaturas, mentres se mantiña o nivel na zona de baño.

O Clube Fluvial modificou esta infraestrutura ao longo do tempo, realizando obras e cambiando por completo a morfoloxía da construción tradicional. Para tales obras non se solicitou autorización nin á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pese a estar localizado en Rede Natura, tal e como se recolle na comunicación emitida polo Servizo de Patrimonio Natural recibida o 3 de outubro(1), nin previsibelmente á CHMS.

O Organismo de Bacía xunto coa DX de Patrimonio Natural son responsábeis de garantir o bo estado das augas, o caudal ecolóxico e o paso de fauna. O Clube Fluvial leva realizadas actuacións no caneiro que prexudican o bo estado do río en Plena Rede Natura sen pedir as autorizacións pertinentes, e apropiándose dun ben público. A CHMS non pode consentir este tipo de actuacións, e polo tanto instamos a que non autorice a renovación da concesión e legalización das instalacións do Clube Fluvial.


(1)No mesmo escrito indican que o Clube Fluvial tampouco solicitou permiso para o pintado da piscina infantil realizado neste ano.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal