14-12-2023
No pasado día 12 de decembro comezaron os traballos de corta que dan inicio ás obras da primeira fase da Modificación Puntual do Plan Parcial de Navia, a construción do polígono 1, que consiste na edificación dunhas 733 vivendas dun total de 1600 previstas na ampliación. Dende ADEGA queremos manifestar o noso rexeitamento a un proxecto urbanístico que vai destruír de forma definitiva o pouco que quedaba dun dos poucos anacos de bosque atlántico dentro da zona urbana da cidade de Vigo.
Foi no ano 2018 cando, sen contar nin sequera coa aprobación do PXOM, se anunciou a tramitación da modificación promovida pola Xunta do Plan Parcial de Navia, iniciándose inmediatamente o breve período de exposición pública. Deste xeito as asociacións veciñais da parroquia e os grupos ecoloxistas tivemos acceso a un Documento Ambiental Estratéxico que apenas facía mención á existencia da carballeira, deixando claro que o proxecto contaba coa destrución total da masa de bosque autóctono existente para a súa execución. Iniciouse entón un movemento, no que ADEGA formou parte activa, para esixir que dita ampliación respectase o que constituía unha das últimas carballeiras da cidade, con iniciativas divulgativas como faladoiros e roteiros para pór en valor o espazo e a redacción e presentación de alegacións ao proxecto por parte de diferentes colectivos que tamén esixían o soterramento da VG-20 para paliar a contaminación acústica do barrio e a diminución da altura das vivendas proxectadas. Cabe sinalar que as alegacións que foron contestadas non foron debidamente notificadas a tempo.
Cando a primeira etapa do proxecto de vivendas, o PAU (Polígono de Actuación Urbanístico) de Navia, foi aprobado pola Xunta en 1993 e posteriormente polo concello de Vigo en 1996, nos criterios de ordenación e normativa de aplicación dicíase textualmente que “as zonas verdes serán situadas preservando as masas forestais existentes”, mais tras o remate do proxecto, a realidade foi que non se mantivo en pé nin unha soa árbore da antiga carballeira existente neses terreos. Tamén se incumpriu o prometido cando o que ía ser un parque cunha ampla zona verde e arborado se transformou nunha xigantesca explanada de cemento sen sombra e sen apenas elementos vexetais. Foi precisamente por esta dinámica constante de eliminación da masa de bosque autóctono nas etapas anteriores do proxecto que, malia figurar no DAE da nova ampliación que "o desenvolvemento da Modificación do Planeamento vai encamiñado a respectar na medida do posible estes conxuntos arbóreos" e dende Urbanismo insistir tamén en que se preservaría a carballeira integrándoa no o proxecto de urbanismo, dende ADEGA asumíamos que os traballos de corta iniciados onte ían acontecer con total seguridade.
Dende ADEGA entendemos a necesidade de crear vivenda de promoción pública, sobre todo no contexto de dificultade no acceso á vivenda que vive o noso concello por mor da suba dos alugueres. Con todo, pensamos que existen outras opcións para atender esta demanda que pasan polo aproveitamento do solo xa construído en estado de abandono, tan abundante na nosa cidade, e a rehabilitación ou derrubamento dos mesmos en troques de recorrer sistematicamente á destrución de zonas forestais e agrarias. Ademais, queremos sinalar a necesidade de abandonar dunha vez o vello paradigma da planificación de proxectos urbanos, herdeiro do urbanismo dos anos 70 e 80, o cal só procura apiñar o maior número de vivendas na menor superficie de solo posíbel, sen ter en conta a importancia de outros elementos arquitectónicos e infraestruturas entre as que ten especial importancia para a saúde e calidade da cidadanía, como demostran multitude de estudos ao respecto, a presenza de grandes zonas verdes conformadas por especies arbóreas entendidas e integradas non como simples elementos decorativos senón como elementos activos dunha cidade funcional, proporcionando, entre outros servizos ecosistémicos: amortecemento térmico e acústico, retención de elementos contaminantes, aporte de osíxeno, hábitat para outras moitas especies, etc., ademais de proporcionar espazos de lecer e desfrute da natureza a pé de porta . Atopámonos, deste xeito, ante unha nova oportunidade perdida para Vigo de gañar calidade de vida en termos de saúde comunitaria e ambiental e ante un novo desleixo das nosas administracións cara a conservación das paisaxes naturais, lonxe das actuais recomendacións formuladas dende a Unión Europea de avanzar na infraestrutura verde e lonxe do que moitas outras cidades, con máis e mellor visión de futuro, levan anos implementando.
A foz do Lagares, coa súa xunqueira, conforma xunto á todos os hábitats da súa contorna adscritos a ela o que no Plan de Ordenación do Litoral figura como a unidade de paisaxe Esteiro do Lagares, cuxos límites na cartografía se estenden até incluír unha parte das parcelas sobre as que a día de hoxe se están a realizar os traballos de corta. Se ben as unidades de paisaxe non son figuras de protección e, efectivamente falamos dunha zona xa altamente urbanizada e modificada, non deixa de ser significativo este novo paso na transformación da contorna. Primeiro foi a destrución de parte da xunqueira e o seu bosque de ribeira costeiro coa construción do EDAR, logo viu a desaparición de gran parte das carballeiras existentes en Navia coa construción do PAU. Seguíronlle a construción da VG-20, a corta do Amial da Carrasqueira, o pouco que restaba daquel bosque aluvial, para ampliar a depuradora e hoxe temos que sumarlle a desaparición dun novo reduto de masa arbórea de bosque autóctono. É deste xeito como contemplamos a xa case total transformación e desaparición dunha paisaxe humana e natural que Vigo non soubo ou non quixo integrar no seu crecemento.
Dende ADEGA Vigo- Morrazo convocamos para o día de hoxe unha concentracióná que convidamos a asistir á toda a veciñanza e amosar o noso rexeitamento ante as cortas realizadas e en defensa dun modelo de cidades que saiban integrar os espazos verdes existentes.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal