ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Milleiros de persoas moibilizáronse na defensa...

11-12-2023

Milleiros de persoas moibilizáronse na defensa das montañas galegas fronte a especulación enerxética

Onte, con motivo do Día Mundial das Montañas, a  Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 plataformas, colectivos e organizacións galegas entre as que está ADEGA, mobilizou unhas 2000 persoas en diferentes localidades do país baixo o lema “Defendemos as montañas contra os gobernos e especuladores”. O propósito nesta ocasión foi resaltar o papel que a sociedade civil organizada veu xogando nos últimos tres anos na defensa das montañas e, en xeral, do territorio galego fronte ao actual espolio eólico, logo de ser traizoada e abandonada polos goberno do Estado e da Xunta que se puxeron ao servizo unicamente dos intereses do lobby enerxético.

O manifesto das mobilizacións puxo de relevo as funcións ecolóxicas e sociais que cumpren as montañas galegas, como fornecedoras de auga e alimento, reguladoras do clima e da erosión do solo, como sumidoiros de CO2 e refuxio de fauna, flora e hábitats cuxa protección é fundamental para a nosa subsistencia, e como fogar secular de boa parte da poboación rural galega.

Por todo iso, a Coordinadora Eólica Así Non reclamou nesta xornada a consideración das montañas como ecosistemas de “interese público superior” como principais garantes de saúde, seguridade e futuro do pobo galego, fronte a invasión eólica e a enerxía especulativa. As montañas e os seus valores deberan ser o obxecto a protexer dos goberno facendo prevalecer a súa defensa sobre o interese privado das empresas eléctricas que especulan co noso territorio. Os manifestantes instaron á Xunta e ao Estado a que demostren deste xeito que gobernan para o interese xeral e que procuran unha transición ecolóxica ordenada, xusta, sustentábel e ao servizo do pobo galego.

Criticaron que tanto Xunta como Estado seguen a demorar sine die a ampliación dos espazos naturais protexidos galegos e a impulsar reformas lexislativas “golpistas” que só atinxen aos intereses das eléctricas á costa de deixar indefensa á cidadanía e recortar a súa capacidade de intervención nas decisións de interese público. No manifesto rexeitouse a última disposición legal da Xunta de Galicia pola que se declaran todos os proxectos eólicos de “interese público superior” e con carácter retroactivo, para intentar esquivar as paralizacións cautelares de polígonos eólicos autorizados pola Xustiza, así como a eliminación da avaliación de impacto ambiental dos procedementos administrativos de autorización que se tramitan no Ministerio de Transición Ecolóxica.

Mobilizacións nas catro provincias galegas

Os actos reivindicativos tiveron lugar en 6 localidades de todo o país: Amil (Moraña, Pontevedra), Vilar de Barrio (Ourense); Val do Dubra e Ortigueira, na provincia da Coruña, e A Fonsagrada e Lugo, na provincia lucense. Agás no caso da Fonsagrada, cuxa concentración tivo lugar onte sábado, 9 de decembro, todas se celebraron durante a mañá de hoxe.

A mobilización máis numerosa foi a celebrada na parroquia de Amil, en Moraña, onde preto dun milleiro de persoas realizou unha marcha reivindicativa desde a escalinata da Igrexa da Virxe dos Milagres de Amil rematando de novo fronte o templo onde tivo lugar a lectura do manifesto. Alí congregáronse varias ducias de plataformas de veciñas e veciños afectados polo actual espolio eólico na provincia de Pontevedra para apelar á defensa das montañas e apoiar á veciñanza de Amil que loita contra as obras do proxecto eólico de Acibal, agora paralizadas cautelarmente, e pola preservación dun rico patrimonio arqueolóxico e cultural afectado.

En Ortigueira a andaina foi participada por unhas 250 persoas desta localidade, de Vilaboa, Ferrol ou  Cerdido. A marcha comezou na Alameda de Ortigueira e discorreu ata o muíño de vento do Campo da Torre, rematando de novo na alameda onde se leu o manifesto e se gozou dun aperitivo. Nesta marcha apelouse ao apoio dos concellos das bisbarras de Ortegal e Ferrolterra ao movemento de “Eólica Así Non”, ficando xa colgadas as bandeiras da mobilización nos balcóns das casas consistoriais de Cerdido e Ortigueira. Desde Ortegal di Non, Cerdido di Non, entre outras plataformas, agardan que outros concellos da comarca, como Mañón, Moeche, San Sadurniño, Cedeira ou Valdoviño, se sumen á causa.

A mobilización prevista na provincia de Ourense tivo lugar en Vilar de Barrio. Unhas 150 persoas e colectivos das comarcas de A Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Terra de Caldelas e Monterrei gozaron dunha concentración e chocolatada na Praza do Toural, onde ademais se anunciou o acordo plenario unánime dos grupos do BNG, PSOE e PP de Vilar de Barrio para solicitar a moratoria eólica para a comarca da Limia. Deste xeito, Vilar de Barrio sería o segundo concello da provincia, despois de Xinzo, en reclamala.

No concello coruñés de Val do Dubra hoxe viviuse unha batalla épica contra a meteoroloxía, xa que a marcha desde a aldea de Carlexo ata o alto do Picoto estivo acompañada dun incesante vento, chuvia e, por veces, néboa. Debido ao mal tempo, apenas se puideron divisar desde o outeiro do Picoto os enclaves dos concellos de Val do Dubra e A Baña onde se veñen de autorizar varios parques eólicos, xa recorridos nos tribunais. Desde este miradorio, tamén se poden ver as proximidades á Lagoa de Alcaián onde xa foron anulados dous polígonos eólicos (Campelo e Bustelo) e outro está paralizado cautelarmente (Monte Toural) pola Xustiza. 

En Lugo concentráronse máis dun cento de persoas e colectivos procedentes das comarcas da provincia máis ameazada pola invasión eólica, como son as plataformas do Alto Miño, a Terra Chá, Os Ancares e as que loitan contra o espolio eólico en Lugo e Castroverde. Organizacións ecoloxistas, sindicais e culturais de Lugo congregáronse diante do edificio multiusos de Lugo para berrar “Eólica Así Non” e “Non, non, non, á colonización”. Leron o manifesto veciñas afectadas polos proxectos eólicos Boura, Monzón e Ventisca, que veñen de obter a declaración de impacto ambiental favorable por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica, e que amezan con acadar proximamente autorización xunto cos proxectos eólicos de Levante, Borrasca, Monteiro ou Restelo, todos eles promovidos por Greenalia na provincia lucense. A concentración de Lugo rematou cunha cántiga contra os especuladores.

A estas mobilizacións sumouse tamén o pasado sábado a localidade da Fonsagrada, onde se proxectan tamén varios proxectos eólicos de elevado impacto ambiental.

A loita continúa, ata frear o espolio eólico

Os actos reivindicativos de “Eólica Así Non” remataron co anunciou das plataformas e organizacións sociais de seguir mobilizando a sociedade galega e  recorrendo nos tribunais os polígonos eólicos autorizados e ilegais ata frear o que consideran un asalto sen precedentes ao medio rural e ao medio ambiente galegos. Reclamaron un modelo de transición ecolóxica xusto coas persoas e respectuoso co medio natural, planificado ao servizo do pobo e fronte os abusos do actual modelo especulativo de implantación de enerxías renovábeis, que está entregando o país enteiro a mans das grandes multinacionais eléctricas.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal