Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA Lugo presentou alegacións ao novo proxecto...
06-10-2023
O pasado día 20 de setembro rematou o prazo para presentar as alegacións ao proxecto co que o Clube Fluvial pretende obter unha nova concesión e legalizar as instalacións existentes. Dende ADEGA consideramos que a Confederación Hidrográfica Miño Sil non pode autorizar esta nova concesión nos termos expostos polo Clube Fluvial, xa que a entidade está a ocultar actividades e infraestruturas que poden causar prexuízos ao sistema fluvial, e segue sen cumprir coas obrigas esixidas ó longo destes anos.
O proxecto presentado contén grandes eivas, oculta información, non describe a realidade das instalacións nin do conxunto de actividades desenvoltas, ademais contén información contraditoria.
O Clube Fluvial solicitou a modificación da zona de servidume, pese ás conclusións do Estudo Hidrolóxico no que indica que a totalidade do proxecto debe amoldarse á cartografía de dominio público hidráulico vixente, polo tanto, no propio proxecto conclúese que non sería posíbel facer esa modificación da zona de servidume. Ademais esta modificación é imposíbel de asumir pola normativa actual, e en caso de aceptala o organismo de bacía, estaría autorizando o aumento da perigosidade para as persoas nunha zona de fluxo preferente.
Outra das eivas atopadas, é que no proxecto obviase a impermeabilización do caneiro, convertendo a construción tradicional nun azud. No pasado mes de agosto apareceron troitas mortas á altura da fábrica da luz, que segundo as declaracións recollidas na prensa polo presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil debeuse á falta de caudal e á temperatura das augas. Como é posíbel que nesta situación, a zona de baño próxima ás instalacións do Clube Fluvial (CF) mantivera o nivel da zona de baño? Estase a incumprir o establecido no Plan Hidrolóxico Miño-Sil, ao darlle prioridade a un uso recreativo sen garantir o caudal ecolóxico do río, provocando a morte de especies nunha zona protexida. Ademais, no proxecto indícase que este caneiro é propiedade do Clube Fluvial, cando no PXOM de Lugo, indícase que é de titularidade pública (Ver catálogo de elementos protexidos (Lugo (L) – 4).
O proxecto presentado ten moitas carencias en canto non describe todas as actividades, e polo tanto non se fai un estudio real das presións que estas instalacións e os usos asociados ás mesmas teñen sobre o ecosistema fluvial, tampouco presenta alternativas nin medidas correctoras suficientes, nin ningún protocolo de actuación preventivo. Indican que só causarían prexuízos as actividades desenvoltas durante os meses de verán, mais obvia incluír o piragüismo, actividade que se desenvolve durante todo o ano e que pode provocar a proliferación de especies exóticas invasoras provenientes doutras bacías se non existe un protocolo de desinfección das embarcacións. No proxecto non se contempla que esta actividade poda ser susceptíbel de xerar danos ao medio ambiente, e polo tanto tampouco se describe ningunha medida preventiva nin protocolo de actuación.
A CHMS non pode aceptar en ningún caso este novo proxecto do Clube Fluvial por canto segue sen garantir o acceso á zona de servidume do río Miño, ao non ser suficientes as medidas propostas, e sen contemplar a eliminación de todas as infraestruturas que a día de hoxe ocupan irregularmente o dominio público hidráulico, nomeadamente todo o valado e as cancelas que acordoan o recinto do Clube na zona de servidume do río, ademais das canchas de tenis.
Así mesmo, este proxecto oculta deliberadamente a situación de ilegalidade na que se atopan varias infraestruturas executadas recentemente polo Clube Fluvial, contrariando as leis vixentes e que están pendentes de reposición a un estado de legalidade, como son as obras do aparcadoiro e a nova cancela que impide o paso á zona de servidume do río desde a rúa de Fermín Rivera. O organismo de bacía debe obrigar á entidade a restaurar o aparcadoiro ao estado inicial, e eliminar os peches de toda a zona garantindo o paso de fauna e persoas tal e como debe de ser en zona de servidume antes de outorgar a nova concesión.
Debido aos graos de protección do emprazamento, a CHMS debe esixirlle ao Clube Fluvial a execución das obras para a reposición da legalidade de forma inmediata e en todo caso previa á renovación da concesión e legalización das instalacións, e unha vez o Clube Fluvial cumpra coas obrigas que ten pendentes coa lei, segundo o establecido na normativa vixente en materia de xestión do dominio público hidráulico, o organismo de bacía debe esixir a redacción dun novo proxecto de MÁXIMOS, que recolla todas as esixencias da lexislación cunha documentación técnica rigorosa.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal