ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA leva ao Comité das Árbores Senlleiras a...

13-03-2014

ADEGA leva ao Comité das Árbores Senlleiras a protección do bosque de ribeira de Sarria

As Árbores Senlleiras, un patrimonio natural descoñecido e valioso

ADEGA fai parte co Comité das Árbores Senlleiras, organismo consultivo que debe informar sobre as propostas de catalogación de novas árbores e formacións arbóreas nos termos do Decreto 67/2007 polo que se cria e regulamenta o Catálogo Galego de Árbores e Formacións Arbóreas Senlleiras.

Segundo esta norma, terán consideración de senlleiras as árbores ou as formacións de calquera especie, tanto autóctona como foránea, situadas en terreos de propiedade pública ou privada, que sexan merecedoras de medidas específicas de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras dunha especial protección.

Portanto, non són só os criterios botánicos ou ecolóxicos os que determinan a protección dos exemplares ou formacións árbóreas, senón tamén os de carácter estético, histórico, cultural, tradicional ou paisaxístico.

O inicio do proceso de catalogación implica a protección cautelar das árbores

ADEGA entende que o bosque de ribeira do Malecón e illa Toleira no casco urbano de Sarria constitúe ademais dun bo exemplo de bosque de ribeira aluvial (hábitat 91E0 de protección prioritaria segundo a Directiva 92/43CE de Hábitats), un exemplo de patrimonio forestal colectivo de excepcional valor histórico, cultural e social.

Por estes motivos e segundo o establecido no Decreto 67/2007, ADEGA presentou na Xunta a proposta de catalogación do bosque de ribeira do Malecón e Illa Toleira de Sarria como formación arbórea senlleira, solicitando a aplicación con carácter inmediato do artigo 4.8 do devandito decreto que establece medidas cautelares de protección entanto non se resolva a petición de catalogación.

Estas cautelas implican segundo o artigo 9.2 "a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente a súa integridade, a súa saúde e a súa aparencia. No caso de formacións naturais esta protección entenderase aplicable tamén a todo o seu cortexo florístico".

Será o Comité das Árbores Senlleiras, con presenza de administración, universidades e colectivos ecoloxistas o que avalíe a proposta nun periodo de 6 meses dende a súa presentación. Até entón, a integridade das árbores fica garantida. Porén, en ADEGA agardamos que neste periodo as administracións con competencias (Confederación Hidrográfica, Xunta e concello de Sarria) reconsideren a súa postura e modifiquen un proxecto desenfocado, oneroso e agresivo, exemplo de intervención cosmética e desbaldimento de cartos públicos.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal