Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA realiza actividades de xestión e control de...
28-09-2023
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, no marco do Proxecto Fluviatilis, continúa coas actividades de xestión e control da flora exótica invasora a través dunha nova xornada de voluntariado ambiental.
Tras as actuacións desenvolvidas no río Tambre, ADEGA trasládase agora ao río Limia, ao seu paso por Rairiz de Veiga. A xornada desenvolverase en sesión de mañá este venres, 29 de setembro, e nela procederase ao inventariado e eliminación de Ludwigia grandiflora e outras especies invasoras. Para acudir, é necesaria a inscrición previa no seguinte correo electrónico: ramses@adega.gal.
Así, o río Limia é unha das áreas de actuación propostas por ADEGA para levar a cabo actuacións de control da flora exótica invasora mediante xornadas de voluntariado. A actividade tamén estará dirixida a establecer un marco operativo e a seleccionar as metodoloxías axeitadas que permitan abordar con éxito futuras actuacións de eliminación, restauración fluvial e implantación de solucións baseadas na natureza.
As actividades, tanto de xestión e control das EEI como de educación, sensibilización e voluntariado ambiental dirixidas a distintos públicos, son unha das propostas do proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.
O obxectivo final deste proxecto é dar a coñecer os problemas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais e facilitar a participación da cidadanía na súa xestión mediante accións de voluntariado ambiental, para promover actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos.
🔸9.20 Presentación e recepción
🔸9.30 Desprazamento á zona de traballo no río Limia
🔸9.45 Introdución á problemática das especies exóticas invasoras
🔸10.15 Inventariado de Ludwigia grandiflora e outras especies invasoras
🔸11.00 Eliminación de Ludwigia grandiflora
🔸12.15 Recollida e avaliación da xornada
🔸12.30 Peche da xornada
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal