ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Unhas 750 persoas retiran máis de 6 Tn. de...

24-09-2023

Unhas 750 persoas retiran máis de 6 Tn. de residuos na XVI Limpeza Simultánea de Ríos do Proxecto Ríos

Fomos novamente moitas as persoas as que nos mollamos polos ríos na XVI Limpeza Simultánea.

Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.


O domingo 24 de setembro de 2022 realizouse a XVI Limpeza Simultánea de Ríos en 52 concellos de toda Galiza. En cada localidade a actividade foi coordinada por diferentes entidades, dende asociacións ecoloxistas, culturais… até fundacións, centros de ensino e concellos, chegando a máis de 60 entidades.


Entre elas tamén moitos concellos colaboradores como o de San Sadurniño, Moaña, Gondomar e Santiago de Compostela entre outros.


Aínda se verten moitos residuos aos ríos

Desta volta recolléronse refugallos moi variados, e coma sempre abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos...

Apareceron rodas, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, sinais de tráfico, entullos, tixolas, deshumificadores. Retiráronse uralitas, roupa, calzado, etc... As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron a aparecer en abundancia xunto coas compresas e tampóns, e como non múltiples máscaras. É preciso reflexionar sobre o uso destes artigos, e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando os cauces e ribeiras.

No reconto, calculamos que os residuos de tódolos concellos suman máis de 6 toneladas, pero debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade.

O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta. Proxecto Ríos é un proxecto promovido por ADEGA dende o ano 2005 e financiado por Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Para esta actividade contamos coa colaboración dos concellos de A Estrada, Ames, Ares, Cangas, Carballo, Fene, Foz, Gondomar, Meis, Moaña, Nigrán,Pontevedra, Ponteareas, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, San Sadurniño, Soutomaior, Tomiño e Verín.


Queremos voltar a agradecer a todo o voluntariado galego o seu compromiso cos nosos ríos, un ano máis a sociedade galega Mollouse Polos Ríos!!

Podedes consultar aquí o cadro de resultado, que se irá actuilizando a medida de que cheguen novos datos.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal