ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / De Orgullo Galego á Arca da Noe: novas aliadas de...

20-09-2023

De Orgullo Galego á Arca da Noe: novas aliadas de ADEGA para recadar fondos contra a depredación eólica

ADEGA lanza unha plataforma pioneira en Galiza para que calquera persoa ou entidade poida iniciar un reto propio de recadación para frear a actual vaga eólica.


Orgullo Galego, Toxío, A Arca da Noe, Club Clavicémbalo... Son algúns dos nomes que decidiron facer súa a loita contra a depredación eólica e por un modelo enerxético xusto e sustentábel que a asociación ecoloxista ADEGA canalizou dende o pasado maio a través da campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos. Así pois, ADEGA inicia unha nova etapa no desenvolvemento deste micromecenado e procura diferentes voces aliadas que se converten agora en embaixadoras da causa #TiPodesParalos. Isto significa que poñen en marcha recadacións solidarias propias e persoais ás que xa se poden facer achegas a través da seguinte ligazón á iniciativa "Embaixadoras TPP. Contribúe á causa co teu propio reto": https://retotpp.heroes.help/

Algúns destes primeiros desafíos están vinculados a accións específicas a prol da causa, como é o caso das viaxeiras Nuria e Sergio (Toxío), que emprenderán unha ruta polas xoias patrimoniais afectadas pola invasión eólica na Costa da Morte, xa que, como elas mesmas explican, "a historia de cada muíño da zona é unha ferida en nós". A Arca da Noe, pola súa banda, acollerá na súa taberna cultural de Vilar de Santos (Ourense) varios concertos en apoio a #TiPodesParalos, ao igual que o Club Clavicémbalo (Lugo), que se alía á causa a través da actuación do grupo vocal Solo Voces o próximo xoves, 28 de setembro. Ambos impulsan recadacións online a modo de "fila cero". Os fondos reunidos a través de todos estes #RetosTPP irán destinados á causa, que ten como obxectivo custear as accións xudiciais contra aqueles parques eólicos recentemente aprobados pola Xunta de Galiza e que vaian supoñer un dano irreversíbel a nivel medioambiental, patrimonial e social sobre aqueles espazos nos que prevén instalarse.

"Queremos animarvos a colaborar, porque se ben é certo que non estamos en contra dos eólicos, si estamos en contra dun modelo construído a medida das grandes multinacionais e non das nosas necesidades como pobo", sinala Orgullo Galego no seu reto, na liña do que tamén expón Noemí Vázquez, capitá da Arca da Noe: "emprendemos este reto para poder pagar o processo judicial que impeda seguir para frente com o parque eólico do Fial das Corzas, em Laza e Vilar de Barrio, muito próximo ao Parque Natural do Invernadoiro, porque queremos seguir mantendo a nossa riqueza natural, cultural e paisagística".

Grazas ao compromiso de persoas coma elas, a asociación ecoloxista ADEGA bota a andar unha iniciativa pioneira en Galiza que permite xerar e afianzar alianzas entre diversidade de voces e o movemento ecoloxista, e que abre paso cara a novas e potentes fórmulas de acción social colectiva fronte aos abusos e agresións ao territorio. A campaña #TiPodesParalos, con máis de 160.000 euros de fondos recadados ata o de agora e un total de 16 parques eólicos xa camiño de seren recorridos no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, xa é hoxe un fito de recadación solidaria na historia do activismo ecoloxista galego.

Ti tamén podes ser embaixadora de #TiPodesParalos!

ADEGA anima a facerse embaixadora da causa a calquera persoa (ben directamente afectada por algún parque eólico ou comprometida coa causa), equipo ou organización que queira contribuír a conseguir fondos solidarios de xeito desinteresado e por iniciativa propia. O seu cometido será espallar de forma activa entre os seus círculos de relacións a súa páxina de recadación persoal, que poderá crear facilmente desde a web https://retotpp.heroes.help/ co asesoramento de ADEGA se o require. Para iso, a persoa ou grupo interesado escollerá un obxectivo económico a reunir e marcará un prazo no que pretenderá acadalo, ademais de idear, de xeito opcional, un evento ou reto solidario vinculado a ese micromecenado.

Guadi Galego, Carmen Méndez ou Eferro tamén apoian a causa

Máis alá destes #RetosTPP que agora inicia ADEGA canda a Orgullo Galego, Toxío, A Arca da Noe ou o Clavicémbalo, son moitas as voces que están facendo público o seu apoio á campaña #TiPodesParalos a través das redes sociais. Dende o ámbito da música ata o da interpretación, festivais ou proxectos de diversa índole, como Guadi Galego, Carmen Méndez, Rosalía Fernández Rial, Eferro, Xermolos, a Rapa das Bestas ou Leti da Taberna, veñen de sumarse á causa #TiPodesParalos para facer forza contra a invasión eólica e por unha alternativa enerxética organizada por e para o pobo.

Isto, unido principalmente ao amplo apoio social da veciñanza e ao imprescindible e arduo traballo que desenvolven numerosos colectivos e comunidades de montes ao longo de todo o país, está detrás dos logros que a campaña #TiPodesParalos vai colleitando. Sen o seu apoio directo, isto non sería posible. Por diante resta acadar os obxectivos de recadación finais dun total de 10 desafíos correspondentes a 10 polígonos eólicos a recorrer, a meirande deles nas montañas emblemáticas do Courel, Ancares e Macizo Central, que precisan máis que nunca o apoio urxente de toda a poboación galega. Artellamos rede, e continuamos!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal