ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / 52 Concellos de toda Galiza participarán na XVI...

19-09-2023

52 Concellos de toda Galiza participarán na XVI Limpeza Simultánea de Ríos

A XVI Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos”, organizada polo Proxecto Ríos de ADEGA, celebrarase este ano en 52 concellos de toda Galiza, na que participarán máis de 60 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…), algunhas delas novas que se suman por primeira vez a esta décimo quinta edición.

A limpeza será o 24 de setembro e mobilizará a unha gran cantidade de voluntarios e voluntarias que se mollarán polos ríos destes 52 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social. Pola súa banda, os centros de ensino que participan nesta edición realizarán a limpeza o venres 23 de setembro.

Todo o voluntariado será agasallado cunhas camisolas co lema da limpeza.

Xuntamos o cartel no que aparecen a relación de entidades, concellos e ríos nos que se van realizar os traballos. Ademais, actualizouse a páxina web para a limpeza (https://limpeza.proxectorios.org/), onde se especifica que é a limpeza, lugares de celebración, contactos das persoas coordinadoras, e as entidades participantes e colaboradoras.

Entre outros obxectivos, a Limpeza simultánea de ríos pretende divulgar como realizar unha actuación ecolóxica nos ecosistemas fluviais, polo que se repartirá un Protocolo de Limpeza de ríos que tamén se pode descargar da web.

O Proxecto Ríos, coordinado na Galiza por ADEGA, é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos mediante ferramentas que garantan a súa participación.


Para máis información envía un correo a  mollatepolosrios@proxectorios.org

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal