ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA-Lugo esixe á CHMS investigue a...

11-09-2023

ADEGA-Lugo esixe á CHMS investigue a contaminación do Rego Pomeda en Palas de Rei

ADEGA-Lugo vén de reiterar a denuncia presentada no pasado mes de maio perante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para que investigue os continuos episodios de contaminación do Rego Pomeda no Concello de Palas de Rei que previsibelmente teñen orixe nos vertidos procedentes das macroexplotacións gandeiras situadas augas arriba do lugar de Carteire, que producen escumas, aparición dun substrato xelatinoso e gran turbidez das augas. Ademais, nos mesmos días a finais de agosto, apareceron centos de troitas mortas.

Para a masa de Auga Río Ferreira I, da que forma parte o rego Pomeda, o Plan Hidrolóxico Miño Sil determina catro zonas de protección para a produción de especies acuáticas piscícolas, e unha zona de protección para a produción de especies acuáticas salmonícolas.

É responsabilidade da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS en adiante) controlar o dominio público hidráulico (DPH en adiante) e a calidade das augas. É por iso que dende ADEGA-Lugo, solicitamos á CHMS que valore os danos producidos ao DPH a consecuencia dos reiterados episodios de contaminación tanto nas augas superficiais coma nas augas subterráneas, investigue os feitos denunciados, e aplique o réxime sancionador previsto nas leis de aplicación, nomeadamente o Anexo V Real Decreto 665/2023, do 18 de xullo, polo que se modifica o Regulamento do Dominio Público Hidráulico; esixindo en todo caso a obriga de reparación do dano para devolver o espazo afectado ao seu estado primitivo.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal