ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA acada o apoio social necesario para...

28-08-2023

ADEGA acada o apoio social necesario para recorrer no TSXG outros catro macroproxectos eólicos autorizados pola Xunta

Os proxectos eólicos Vilartoxo, Troitomil, Monte da Croa e Rodicio II serán recorridos por ADEGA diante do TSXG ao ter conseguido os fondos necesarios a través da campaña de crowfunding “Ti podes paralos!”.

En apenas 3 meses, a campaña de crowfunding “Ti podes paralos!” de ADEGA consegue reunir os fondos necesarios para poder recorrer en vía contencioso-administrativa os macroproxectos eólicos Vilartoxo, Troitomil, Monte da Croa, Rodicio II e Campo das Rosas. Á impugnación da autorización previa e de construción deste último, que xa foi presentada no TSXG o pasado mes de xullo, sumaranse agora outros catro recursos impugnatorios ademais das correspondentes solicitudes de paralización cautelar das obras, co gallo de que o tribunal galego evite danos irreversíbeis sobre o territorio. Para tal fin, ADEGA xa está traballando nos recursos e nos informes técnicos ambientais necesarios fronte ás deficiencias da avaliación ambiental dos proxectos.

Ata o momento, a campaña “Ti podes paralos!” conseguiu completar os fondos necesarios para poder recorrer tres parques eólicos aprobados pola Xunta na provincia da Coruña, un na provincia de Ourense e outro na provincia de Pontevedra.

Os parques eólicos Vilartoxo, Troitomil, Rodicio II, Monte da Croa e Campo das Rosas ao xulgado!

Os da provincia da Coruña son os parques eólicos Vilartoxo e Troitomil, promovidos por Green Capital Power SL na Baña, Negreira e Val do Dubra; e o polígono eólico de Monte da Croa impulsado por Villar Mir Energía SLU na Costa da Morte, en Vimianzo e Dumbría. Os dous primeiros pretenden instalar 12 aeroxeradores de máis de 200 metros de altura a pouca distancia de aldeas e gandarías, poñendo en risco o benestar e saúde das persoas e animais, e exercendo un grave impacto sobre brañas, pequenos humidais e augas de abastecemento. Tamén poderían provocar alteracións nos sistemas fluviais do Ulla-Deza e do Río Tambre que discorren por áreas ambientalmente protexidas e mesmo sobre turbeiras, como no caso de Troitomil. O P.E. Vilartoxo tamén afectaría de forma significativa a área da contorna de Compostela na que se conservan xacementos de arte rupestre. ADEGA procurará demostrar nos tribunais que ambos proxectos son produto dunha fragmentación artificiosa dun mesmo complexo macroeólico, o que suporía un fraude de lei.

No caso do P.E. Monte da Croa, a organización ecoloxista pretende frear a instalación de 7 muíños que se queren colocar nos arredores da capital da Terra de Soneira e que deixaría a vila de Vimianzo sen ningún punto do seu horizonte libre de eólicos ou liñas de alta tensión, constituíndo unha barreira infranqueábel para as aves e eliminando calquera valor paisaxístico na parroquia de Berdoias. Ademais, porían en risco unha manda estable de lobos, documentada na zona desde hai máis dun lustro.

ADEGA tamén impugnará as autorizacións do P.E. Rodicio II, promovido por Greenalia Wind Power SLU na contorna do Bidueiral de Montederramo e en pleno Macizo Central ourensán. A xuízo de ADEGA este proxecto forma parte dunha fragmentación doutro parque promovido pola mesma empresa en Chandrexa de Queixa, o P.E. Xesteirón. O Rodicio é unha penichaira de elevado interese ambiental na que habitualmente sobrevoan especies “en perigo de extinción” como a aguia real e o millafre real, ambas con zonas de cría e durmidoiros moi próximos.

Campo das Rosas é o quinto proxecto eólico que ADEGA puido recorrer no TSXG grazas á solidariedade cidadá a través de “Ti podes paralos!” e o apoio das plataformas locais, como Alerta Terra de Montes, a asociación Rapa das Bestas ou as comunidades de montes afectadas. Este proxecto que Naturgy quere instalarse en Montouto, nos concellos de Cerdedo, A Estrada e Campo Lameiro, localizaríase no traxecto de “Baixa” das Bestas de Sabucedo e afectaría a turbeiras protexidas e a unha das poboacións máis importantes da Península Ibérica do fento Lycopodiella inundata.

Con estes, xa suman 8 os proxectos eólicos autorizados pola Xunta nesta vaga eólica que ADEGA impugna nos tribunais de xustiza, co resultado ata o momento de dous parques eólicos anulados en vía contencioso-administrativa, Bustelo e Campelo, e outro paralizado cautelarmente na sala terceira do TSXG á agarda de sentenza: o parque eólico Monte Toural de Greenalia.

“Ti podes paralos!” convértese nun fito da recadación solidaria para fins medioambientais

Foi a mediados do pasado mes de maio cando a organización ecoloxista ADEGA poñía a andar a campaña de micromecenado “Ti podes paralos!” para recadar fondos co fin de emprender accións legais contra boa parte dos 75 proxectos eólicos depredadores aprobados pola Xunta de Galiza no mes de abril. Tres meses despois, a iniciativa xa acada os 140.000 euros de fondo e 26 campañas de recadación, unha por cada proxecto eólico que se pretende recorrer. Destas, 5 xa acadaron o obxectivo final de recadación, e 21 xa conseguiron superar a primeira fase. Estes datos converten a campaña “Ti podes paralos!” na iniciativa de micromecenado colectivo con fins ambientais máis exitosa da historia do activismo galego e constitúen un referente de apoderamento da acción colectiva social fronte aos abusos do gran capital.

Desde a organización ecoloxista ADEGA queremos manifestar un sincero e efusivo agradecemento aos máis de 1.550 doantes individuais e colectivos, plataformas de persoas afectadas, organizacións e activistas que, co seu apoio solidario e compromiso coa causa, están conseguindo que o ecoloxismo galego poida botarlle un pulso ao actual espolio eólico do país nos tribunais de xustiza, e coa única pretensión de defender o rural e o medio ambiente galego desta inxusta e abafante invasión eólica.

ADEGA apela á sociedade galega a seguir apoderando a loita social contra os abusos e agravios das grandes multinacionais da enerxía a través da súa achega solidaria á campaña “Ti podes paralos!”, lembrando que aínda fican pendentes de chegar ao seu obxectivo de recadación 21 campañas “Ti podes paralos!”, coñecidos tamén como desafíos #TPP. Todos e cada un dos desafíos #TPP de ADEGA que están actualmente activos, así como a información de cada un deles sobre a súa evolución na recadación solidaria, poden ser consultados na páxina web principal da campaña #TiPodesParalos: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio

Todas as doazóns que se efectúen á campaña “Ti podes paralos!” poderán desgravar até o 80% na declaración da renda.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal