Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Ao xulgado un parque eólico autorizado pola Xunta...
01-08-2023
ADEGA vén de presentar un contencioso-administrativo contra a autorización dada pola Xunta ao parque eólico "Campo das Rosas" de Naturgy por afectar a unha das poboacións máis importantes da Península Ibérica do fento Lycopodiella inundata.
A autorización dada pola Xunta a este parque situado nos concellos da Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, alén de atinxir aos montes nos que moran as bestas da Rapa de Sabucedo, ignorou descaradamente a presenza de hábitats prioritarios (turbeiras acedas de esfagnos) e mesmo de especies en perigo de extinción, como o licopodio das brañas.
Nin na DIA (Declaración de Impacto Ambiental), emitida con data 20/12/2022 nin na posterior resolución de autorización avaliáronse correctamente os impactos das obras e instalacións antes sinaladas sobre determinados elementos sobranceiros do patrimonio natural, quer as turbeiras altas activas (Nat. 2000 7110*) e o fento Licopodio das Brañas (Lycopodiella inundata (L.) Holub), considerado “en perigo de extinción”.
Ao longo das prospeccións realizadas in situ por ADEGA foi posíbel identificar e cartografar arredor arredor de 50 teselas ou manchas ocupadas por hábitats do subtipo 71xx, pricipalmente 7110* (turbeiras altas activas, prioritario), 7150 (Depresións sobre substratos turbosos) e 7140 ( turbeiras ou ‘mires’ de transición), que aparecen misturados ou arrodeadas outros hábitats higrófilos como o 4020* (breixeiras húmidas atlánticas con Erica ciliaris e Erica tetralix, tamén prioritario).
Chama a atención que ningún destes hábitats de turbeira aceda fora sinalado nin no EIA (Estudo de Impacto Ambiental) presentado pola empresa, nin tampouco na DIA (Declaración de Impacto Ambiental) favorábel emitida pola Xunta logo de recibir os preceitivos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, aos que as persoas e entidades interesadas, así como público en xeral, tampouco tivemos acceso previo á aprobación do parque.
As infraestruturas do parque (pistas, gabias, plataformas, cimentacións, liñas de evacuación, subestación,. acopios...) provocarán aliás da desaparición directa dalgunha destas áreas con hábitats prioritarios, unha significativa fragmentación a escala rexional que modificará a estrutura do solo en áreas críticas para a acumulación e o fluxo natural de auga, causando unha importante alteración do réxime hídrico. Ditas modificacións poderán dar lugar como xa se ten documentado en zonas húmidas similares, quer a Serra do Xistral, á drenaxe de moitas destas zonas higrófilas e á diminución do subministro hídrico dos cursos de auga cuxas nacentes coinciden coas actuais áreas turbosas e brañentas.
A importancia da conservación destes hábitats radica nos servizos ecosistémicos que prestan, xa que alén de seren acubillo de algúns taxóns moi exclusivos e en perigo, teñen unha grande capacidade de retención de carbono (mitigación do cambio climático) e son fundamentais para a regulación do ciclo hídrico ao funcionaren como depósitos naturais que liberan lentamente auga ao longo de todo o ano. A súa perda ou deterioro diminuirá significativamente a capacidade de mitigación e resiliencia dos ecosistemas de montaña fronte ás alteracións derivadas do cambio climático.
O licopodio das brañas (Lycopodiella inundata (L.) Holub) distribúese en poboacións dispersas principalmente nas zonas montañosas do cadrante NW da Península Ibérica, con algunhas poboacións illadas no Pirineo catalán. Está amenazado pola pérdida global de hábitat, xa que aparece asociado ás turbeiras de montaña, un hábitat en regresión en todo o mundo debido á mudanza climática e ás alteracións antrópicas (roturación para cultivos agrícolas e forestais e artificialización por obras e infraestruturas industriais).
Na área ocupada polo parque eólico “Campo das Rosas” o licopodio das brañas apareceu un mínimo de 8 localizacións, sempre asociadas a áreas turbosas. As poboacións, anque dispersas, son por veces localmente densas e fican nun bo estado de conservación, constituindo unha das máis importantes das atopadas até o de agora na Península Ibérica.
As infraestruturas asociadas á construción e operación do parque eólico “Campo das Rosas”, quer as pistas, gabias, cimentacións, plataformas, liñas de evacuación e demais elementos, atinxen directamente á conservación do hábitat da Lycopodiella inundata (L.) Holub, provocando a súa degradación (fragmentación, drenaxe, subsolado, ou eliminación) o que causará probabelmente a desaparición da especie.
Ante o risco de graves danos ao noso patrimonio natural pola execución do parque eólico "Campo das Rosas" ADEGA vén de interpoñer contencioso administrativo no TSXG e solicitar medidas cautelares para a suspensión das autorizacións concedidas pola Xunta.
Estamos diante doutro exemplo de expolio da patronal eólica e de desleixo cómplice por parte da Xunta. Agardamos que o TSXG, como vén facendo en sentenzas recentes, corrixa outra volta a anomalía democrática que supón que unha administración pública desatenda a súa obriga de velar polo patrimonio común para favorecer ao oligopolio electrico.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal