ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / O voluntariado de ADEGA restaurará valados de...

12-07-2023

O voluntariado de ADEGA restaurará valados de pedra seca en Muras

O vindeiro venres 21 de xullo, ADEGA organiza unha xornada no Concello de Muras para restaurar un elemento singular do patrimonio cultural e ambiental galego como son os muros en pedra seca. Característicos das paisaxes cercadas, son pezas da nosa tradición de grande importancia para a conservación da biodiversidade e a preservación do medio natural ligado aos agrosistemas.

Os muros de pedra seca son un exemplo excepcional dunha relación equilibrada entre o ser humano e a natureza, ademais de ter un papel esencial na prevención de escorrentías de terras, inundacións, avalanchas ou no deterioro e erosión do solo. Tamén funcionan como cortaventso e refuxios de especies animais de vertebrados e invertebrados, algúns en situación de vulnerabilidade, e doutros organismos naturais como liques, fungos, fentos, e brións que teñen unha importante función ecolóxica. A diversidade de especies tamén favorece a viabilidade dos labores agrícolas e modelos de intervención na terra máis sustentábeis e respectuosos co medio ambiente.

As diferentes tipoloxías e materiais, propios de cada zona, conforman a nosa paisaxe e identifica os usos tradicionais do solo, sendo esta técnica de construción, a da pedra seca, Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade,  segundo a UNESCO.

A iniciativa enmarcase no proxecto de ADEGA “Patrimonio rural: custodiando o noso legado máis singular” apoiado pola Vicepresidencia da Deputacion de Lugo, dende a área de Medio Rural.

Programa de actividades

capa manual valados

A actividade será en sesión de mañá co seguinte horario:

10.00h Recepción e presentación
10:30h Comezo dos traballos
12:00h Descanso
12.30h Continuación dos traballos
14:30h Remate e xantar

Na xornada participará persoal de ADEGA e o canteiro experimentado en construción deste tipo de valados, Xosé María Lomba, quen guiará os traballos.

Ao mediodía, o voluntariado gozará duns petiscos e faráselles entrega do “Manual para a restauración de valados”, editado por ADEGA. 


Inscricións

As persoas que queiran asistir ás xornadas teñen que rexistrarse a través do formulario https://bit.ly/valadosmuras23,  aloxado na web de ADEGA (www.adega.gal) antes do xoves 20 de xullo ás 14h.

Contacto:Ramsés Pérez (982240299/616 23 80 50)

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal