11-07-2023
O Clube Fluvial de Lugo leva dende o 28 de abril de 2022 sen concesión para a ocupación do dominio público hidráulico, e sen cumprir coa resolución de extinción emitida pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil que lle obriga a demoler e retirar as obras e instalacións situadas no dominio público hidráulico do río Miño, así como a deixar expedita a zona de servidume para uso público. Nesta situación de absoluta irregularidade, ADEGA vén de coñecer que o Club Fluvial solicitou unha nova concesión para uso e ocupación do dominio público hidráulico do río Miño diante da CHMS, para o que redactou un novo proxecto no que propón a eliminación unicamente do valado das canchas deportivas, do torno da zona de piragüismo e da piscina infantil (que recentemente pintou), para deixar libre, hipoteticamente, o acceso á zona de servidume do río Miño.
Porén, desde ADEGA rexeitamos este novo proxecto do Clube Fluvial por canto segue sen garantir o acceso á zona de servidume do río Miño, ao non contemplar a eliminación de todas as infraestruturas que a día de hoxe ocupan irregularmente o dominio público hidráulico, como son as canchas deportivas e todo o valado e cancelas que acordoan o recinto do Clube na zona de servidume do río. Así mesmo, este proxecto oculta deliberadamente a situación de ilegalidade na que se atopan varias infraestruturas executadas recentemente polo Clube Fluvial, tamén en dominio público hidráulico, contrariando as leis vixentes e que están pendentes de reposición a un estado de legalidade, como son as obras do aparcadoiro e a nova cancela que impide o paso á zona de servidume do río desde a rúa de Fermín Rivera. Este último feito tamén foi denunciado por ADEGA-Lugo ante a CHMS.
Á consecuencia da denuncia formulada por ADEGA, tanto o Concello de Lugo como a CHMS acordaron incoar expedientes sancionadores contra o Clube Fluvial por realizar as obras do aparcadoiro sen as autorizacións pertinentes. O Clube Fluvial ademais de ter que pagar unha sanción económica, ten a obriga de repoñer ao seu estado primitivo a zona ocupada polo aparcadoiro, pois cando menos parcialmente non é unha obra legalizábel, como tamén así confirma o concello de Lugo.
Desde ADEGA volvemos a manifestar unha vez máis o noso rexeitamento a calquera proposición de renovación da concesión do Clube Fluvial para uso de dominio público hidráulico do río Miño, mentres esta entidade non cumpra coa legalidade vixente e non repare convenientemente os danos que xa ten exercido reiterada e deliberadamente sobre o río Miño, pois parece que á directiva do Clube Fluvial pouco ou nada lle importa acumular expedientes sancionadores e seguir danando o río en nome dos seus socios e socias. O Clube Fluvial ten a obriga expresa de levantar todas as súas instalacións que hoxe figuran dentro do dominio público hidráulico, segundo se deriva da resolución de extinción da concesión, así como nos múltiples expedientes sancionadores incoados contra a entidade deportiva. Lembramos, ademais, que alén da normativa de augas, as instalacións do Clube Fluvial deben cumprir coas normas de carácter sectorial en materia medioambiental ou de patrimonio, pois estas atópanse en zona de Rede Natura 2000 e no trazado do Camiño Primitivo.
Nas imaxes tomadas da cartografía oficial (visor SNCZI): delimitación do dominio público hidráulico (verde oscuro); servidume de paso (franxa branca); zona de policía (verde claro).
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal