ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A escribenta das canaveiras segue "En Perigo de...

20-06-2023

A escribenta das canaveiras segue "En Perigo de Extinción", dez anos despois do seu Plan de Recuperación

Unha protección tardía e insuficiente para un paxaro singular


Cúmprense dez anos da entrada en vigor do Decreto 75/2013, do 10 de maio, polo que se aprobaba o Plan de recuperación da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L.subsp. lusitanica Steinbacher) en Galiza. Este Decreto chegaba xa con seis anos de demora con respecto á aprobación do Decreto 88/2007, de 19 de abril, polo que regula o Catálogo galego de especies ameazadas, onde a devandita subespecies de escribenta das canaveiras aparece como En Perigo de Extinción.
Neste lapso de tempo, esta escribenta, probablemente o paseriforme máis ameazado de Galiza, continúa con poboacións exiguas, existindo apenas 20-30 parellas reprodutoras actualmente (ver Monografía SEO/BirdLife), e sendo merecedora incluso da categoría de “En Perigo Crítico”. Resúmense os diferentes censos publicados e a presenza en diferentes zonas húmidas en Galiza na Táboa 1.

A escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), tamén chamado escribidor das canaveiras, é unha pequena ave da orde Passeriformes de ampla distribución en Europa e Asia, onde é parcialmente migradora. Ten 19 subespecies, unha das cales, E. s. lusitanica (Figura 1), distribuíase orixinalmente pola costa atlántica ibérica, desde o País Vasco ata o sur de Portugal. Porén, ten desaparecido de moitos dos seus antigos encraves de cría, e mantense con poboacións exiguas apenas en zonas húmidas costeiras de Galiza e de Portugal ao sur ata Lisboa (Ver monográfico SEO/BirdLife).

Obxectivos dificilmente atinxíbeis

Cómpre subliñar que un dos obxectivos do Plan de recuperación é “Aumentar o tamaño da poboación existente (…) nun horizonte temporal de 20 anos e se acade unha poboación reprodutora superior a 112 parellas”. Cando se elaborou o Catálogo galego de especies ameazadas (ano 2007) os efectivos reprodutores en Galiza desta ave habitante de canavais rondaban as 56 parellas. O Plan de recuperación chegou con demora (en 2013), e en 2015 contatouse que só existían 11-12 parellas reprodutoras de escribenta das canaveiras en Galiza, se ben cunha cobertura espacial mellorábel. Aínda considerando as 20-30 parellas estimadas en 2021, fican só 10 anos para lograr que a poboación se multiplique por seis (!) e acadar esa desexable poboación reprodutora de máis de 112 parellas.

A solución, nas nosas mans

Para salvar esta xoia, endémica do litoral occidental ibérico, da situación tan delicada na que se atopa, é imprescindible destinar con total transparencia fondos suficientes ao Plan de Recuperación da especie aprobado pola Xunta, en especial ás medidas de prioridade “Alta” detalladas no calendario de actuacións (Anexo IV). Entre estas, é crítico o correcto manexo de hábitats palustres, fundamentais para a conservación desta subespecie (ARCEA (2008). Ver nota).

Ademais, é necesario destinar suficientes recursos humanos e materiais para lograr censos fiábeis e completos, e encetar accións coordinadas coas autoridades portuguesas procurando unha protección efectiva de toda a súa área de presenza. Se isto non se concreta, a escribenta das canaveiras esmorecerá das poucas zonas húmidas nas que aínda pervive, e de nada servirán os decretos e a propaganda realizada ata agora.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal