ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Concelleiras e concelleiros de toda Galiza...

17-06-2023

Concelleiras e concelleiros de toda Galiza chamados a defender a veciñanza da actual invasión eólica

Este sábado, día da constitución das novas corporacións municipais, a Coordinadora “Eólica Así Non” fixo presenza nestes actos, a través dos seus colectivos e plataformas membros, para apelar aos novos concelleiros e concelleiras a apoiar as iniciativas reivindicativos e xurídicas locais fronte a actual invasión eólica e a prol dun modelo enerxético xusto, sustentábel, ordenado e deseñado para as persoas e para a transición ecolóxica, e non en beneficio das grandes multinacionais da enerxía.

Con esta iniciativa, Eólica Así Non pretende involucrar e facer conscientes ás novas corporacións municipais do difícil momento no que nos atopamos tras a aprobación de máis de 75 macroproxectos eólicos por parte da Xunta de Galiza, aos que se suman os autorizados polo goberno do Estado, e que nos vindeiros meses comezarán a invadir montes, espazos naturais, fontes e mananciais, lugares de interese paisaxístico, corredores ecolóxicos e a eliminar biodiversidade e patrimonio cultural en boa parte dos galegos se estes non fan nada para paralos.

A Coordinadora “Eólica Así Non” aproveitou a xornada para resaltar o papel determinante que os novos gobernos municipais van ter nesta fase de ocupación macroeólica, na que van ter unha ocasión especial para cumprir coa súa promesa recentemente expresada de defender o interese xeral da veciñanza e cumprir escrupulosamente coa legalidade vixente, non favorecendo, por tanto, aos sectores que especulan e atentan contra a preservación de recursos básicos, do medio ambiente, do patrimonio e da saúde da nosa sociedade.

As plataformas e entidades contrarias á especulación e depredación eólica solicitaron ás voceiras municipais de todas as formacións políticas que constitúen goberno que apoien expresa e decididamente as accións xurídicas que os colectivos sociais ou de afectados/as están poñendo en marcha e que recorran directamente nos tribunais aquelas autorizacións de proxectos macroeólicos que exercerán danos irreparábeis no concello ou que poñen en risco o benestar e futuro das súas veciñas e veciños.

Nesta fase, tamén serán os gobernos locais os encargados de outorgar os permisos e licenzas necesarias para que as promotoras podan iniciar aos obras de intalación das infraestruturas eólicas nos montes de Galiza. Neste senso, advertimos ás novas rexedoras e rexedores municipais que calquera intento inxustificado de beneficiar ou favorecer ditas obras será convenientemente denunciado.

Ao longo desta xornada, a Coordinadora “Eólica Así Non” irá recompilando as imaxes e vídeos recibidos da entrega presencial dos escritos reivindicativos ás portas de diferentes concellos de todo o país momentos previos á celebración do pleno de constitución dos novos gobernos municipais. Polo de agora recibíronse confirmacións de entrega nuns 30 concellos de toda Galiza, e agárdase que nas vindeiras horas vaian chegando máis.

Acompáñase este comunicado coas primeiras imaxes dos actos de entrega nos concellos de: A Baña, Val do Dubra, Negreira, Serra de Outes, Cangas, Moaña, Bueu, Vilaboa, Marín, Cedeira, Mañón, Ortigueira, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río, Negueira de Muñiz, Baralla, Becerreá, Silleda, Laza, Pol, Meira, Pastoriza, Cee, Castroverde, Ferrol ou Santiago de Compostela.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal