ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Eólica Así Non instará ás novas corporacións...

15-06-2023

Eólica Así Non instará ás novas corporacións municipais a impugnar nos tribunais a vaga eólica

Este sábado, 17 de xuño, coincidindo co día no que se celebran os actos de constitución das novas corporacións municipais dos concellos galegos, tras as eleccións do pasado mes de maio, a Coordinadora “Eólica Así Non”, da que fai parte ADEGA, convida ao pobo galego a acudir a estes actos de constitución para facer entrega dun escrito de peticións a todos os concelleiros e concelleiras que ocuparán escano no seu concello nesta nova lexislatura. O escrito reivindicativo versa sobre tres peticións moi concretas:

1.- O expreso e decidido apoio ás reivindicacións da Coordinadora “Eólica Así Non” para impedir a invasión eólica da que estamos a ser vítimas. Así como o apoio económico e técnico necesarios en favor das accións xurídicas que se están poñendo en marcha por parte das plataformas afectadas e colectivos sociais.

2.- A presentación polo Concello de todas as acción legais e xudiciais necesarias contra os proxectos eólicos previstos para instalar no noso municipio.

3.- O Concello non facilitará a tramitación dos permisos, licenzas e demais trámites dos que teña competencia para a instalación dos parques eólicos autorizados polos gobernos galego e/ou español.

Eólica Así Non pretende involucrar deste xeito ás novas corporacións municipais na loita contra a actual invasión eólica que actualmente se atopa en plena fase de recurso administrativo e/ou xudicial contra os máis de 75 proxectos eólicos especulativos e depredadores autorizados recentemente pola Xunta e polo goberno do Estado.

Nesta fase, o papel dos concellos galegos é determinante, pois terán a ocasión de defender o interese xeral e da súa veciñanza contra os intereses privados, especulativos e expropiatorios das grandes multinacionais da enerxía. E tamén serán os gobernos locais os que teñan que outorgar os permisos e licenzas necesarias para que as promotoras podan iniciar aos boras de intalación das infraestruturas eólicas nos montes de Galiza. Neste senso, advertimos ás novas rexedoras e rexedores municipais que calquera intento inxustificado de beneficiar ou favorecer ditas obras sen contar previamente con todas as garantías legais e ambientais serán convenientemente denunciadas.

Como sumarse á iniciativa?

A Coordinadora Eólica Así Non pon á disposición da cidadanía un modelo de escrito a entregar aos membros das novas corporacións municipais, no momento previo á entrada ao pleno para a constitución dos novos gobernos.

Suxírese, así mesmo, que dito escrito tamén se dirixa a todas as corporacións municipais a través da súa presentación por rexistro.

Anímase ás persoas participantes na iniciativa que compartan coa Coordinadora “Eólica Así Non” fotos ou vídeos da entrega do escrito de peticións ás novas corporacións municipais. Recoméndas que o envío das imaxes se realice inmediatamente despois de ter efectuado a entrega do escrito, ao número de whatsapp ou telegram 698139913.

Un modelo enerxético inxusto, insustentábel e ilegal que urxe tombar!

Os máis de 75 macroproxectos de enerxía eólica terrestre que foron recentemente autorizados pola Xunta e o Estado, ademais dos máis de 150 que aínda continúan en tramitación, coas súas respectivas liñas de evacuación e infraestruturas asociadas, terán un impacto social e ambiental moi negativo no conxunto do país e provocarán en boa parte do territorio danos irreparábeis no medio ambiente, na paisaxe, no patrimonio cultural e no futuro de moitas áreas rurais.

Desde a Coordinadora Eólica Así Non seguimos avogando polas enerxías renovábeis, pero desde un modelo enerxético xusto e sustentábel, que parta dunha planificación enerxética baseada no interese xeral do pobo galego, na que primen criterios de carácter ambiental e de xustiza social, que garanta a preservación ambiental do país e da que o pobo galego sexa partícipe. Apelamos por un modelo enerxético fundamentado na soberanía enerxética, no fomento do aforro e da eficiencia enerxética, no autoconsumo e na xestión pública do recurso ao servizo da sociedade galega.

Eólica Así Non lembra ademais que nesta vaga eólica, os tribunais de Xustiza xa emitiron catro sentenzas anulatorias de proxectos eólicos autorizados pola Xunta, que poñen en evidencia a ilegalidade na que se basea a política eólica do goberno da Xunta do PP, asentada no recorte de dereitos democráticos de participación pública e das garantías de avaliación ambiental.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal