ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-Lugo oponse ao proxecto corazón verde entre...

13-06-2023

ADEGA-Lugo oponse ao proxecto corazón verde entre murallas Praza de Santo Domingo Rúa do Teatro

ADEGA Lugo vén de presentar no Concello de Lugo alegacións ao proxecto Corazón verde entre murallas Praza de Santo Domingo e rúa do Teatro, tramitado sen ningún tipo de participación pública, que aumenta o espazo destinado aos vehículos destruíndo unha das poucas zonas verdes existentes dentro de murallas, con grande significación para o movemento feminista e a cidade, e que promove entre outros aspectos a privatización do espazo público. O que podería ter sido un proxecto ambicioso, e beneficioso para a calidade de vida das persoas que viven en Lugo, convértese nun sumidoiro de cartos públicos que pouco o nada vai mellorar a vida na cidade.

No proxecto proponse desdobrar a única vía de circulación de vehículos, para o que é preciso eliminar todo o espazo vexetal axardinado e consolidado que proporciona diversos servizos ecosistémicos á cidadanía, evita o efecto illa de calor e procura moita calidade ambiental, paisaxística e estancial, como recoñece o mesmo Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do Concello de Lugo, na contorna do Convento das Agustinas Recoletas. Polo tanto estase aumentando o espazo destinado ao tráfico en detrimento das zonas verdes.

Segundo o Plan de Sustentabilidade do Sistema Urbano do Eixo Atlántico, editado sendo presidenta do organismo a alcaldesa de Lugo Lara Méndez, deben existir zonas verdes accesíbeis de uso cotiá a menos de 300m da poboación, e ás que hai que chegar en menos de 5 minutos camiñando. A praza de Santo Domingo, diante do Convento das Agustinas Recoletas, cumpre cos criterios establecidos no documento. Polo tanto, se se suprime ese espazo, tal e como propón o proxecto, toda a poboación nun radio de 300 metros ao este e de 300 metros ao oeste da Praza, queda sen un espazo verde xa existente, con moito uso e requirido como necesario polo devandito documento, por non existir outro que cumpra os requisitos establecidos no Plan.

A eliminación da zona axardinada, implica o traslado das árbores. Unha das árbores afectadas polo proxecto, é o Gingko Biloba, de grande significado para a cidade e o movemento feminista en Lugo, lembranza das mulleres asasinadas por mor da violencia machista. No proxecto proponse o desprazamento a outro lugar diferente, sen ter en consideración o vínculo e significado deste espazo.

Ademais de non ter en conta as consideracións da normativa municipal con respecto á Protección Ambiental (ver nas alegacións), o concello segue apostando por pavimentos impermeábeis e pola redución dos espazos con vexetación tanto na obra nova como nas obras de rehabilitación e renovación de espazos urbanos. Reducir as zonas de permeábeis nas prazas, parques e avenidas incrementa a acumulación de auga e os danos provocados por esta nos episodios de choivas torrenciais como os ocorridos nestes últimos días, que cada vez serán máis frecuentes por mor do cambio climático.

Estase promovendo por un lado a privatización do espazo público mediante a instalación de terrazas destinada á hostalaría, tamén a deshumanización do espazo público, coa implantación dun mobiliario exemplo da arquitectura hostil e defensiva, con bancos individuais ou con repousabrazos intermedio, evitando así a posibilidade de tumbarse.

Polo exposto, esiximos ao Concello de Lugo, o mantemento da zona verde consolidada existente, a agrupación dos itinerarios do tráfico rodado nunha vía coincidente coa actual. A creación dunha zona pública no contorno do Monumento ao Bimilenario, empregando para esta zona, e para o resto da intervención mobiliario ergonómico e inclusivo que permita a interacción das persoas e estea protexido do vento e ou o sol.

Para non repetir episodios como os vividos nas últimas semanas con inundacións e desprendementos debido ás choivas torrenciais, as novas propostas teñen que ter asociado o aumento de zonas permeábeis no entorno urbano que permitan aumentar a resiliencia da cidade fronte ao cambio climático.

Pedimos unha cidade amable para as habitantes, e non hostil con aquelas persoas mais vulnerábeis, que conserve as zonas verdes, e facilite a convivencia do tráfico e as persoas. Vehículos e peóns poden convivir se o espazo é favorábel.

E por último, esiximos ao Concello de Lugo que promova procesos de participación pública, facendo participe á cidadanía nas decisións que afectan a súa relación coa cidade.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal