ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Crónica da eliminacion de EEI no río Tambre

08-06-2023

Crónica da eliminacion de EEI no río Tambre

O pasado día 1 de xuño iniciamos as actividades de eliminación de EEI do Proxecto Fluviatilis: custodia para a resiliencia no que ADEGA participa xunto con outras 4 entidades de custodia do estado


O obxectivo foi dar a coñecer as problemáticas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais e facilitar a participación cidadá na súa xestión a través de accións de voluntariado ambiental, para fomentar actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos.

A primeira das actuación tivo lugar nas ribeiras do río Tambre. o LIC Río Tambre é unha das zonas de actuación propostas por ADEGA para a realización de accións de control de flora exótica invasora a través de xornadas de voluntariado. Supuxo, ademais, o inicio dos traballos de eliminación de Tradescantia fluminensis -especie invasora que está a afectar de forma incipiente diferentes especies de fieitos, flora e fauna ameazada presente no Catálogo Galego de Especies Ameazas-, nun espazo de elevado valor ecolóxico.

A actividade estivo encamiñada tamén a establecer un marco operativo e a seleccionar as metodoloxías adecuadas que permitan abordar futuras actuacións de eliminación, restauración fluvial e implementación de solucións baseadas na natureza con éxito.

O día 1 de xuño coa participación de 12 persoas voluntarias, desenvolveuse a primeira acción de eliminación de T. fluminensis na beira do río Tambre. Esta planta invasora, unha das máis invasivas no medio fluvial pola súa capacidade de tapizar o solo en zonas umbrías e con elevada humidade, supón unha ameza para moitas especies de flora e fauna autóctonas que ocupan os mesmos hábitats. Antes de abordar a eliminación comentouse co voluntariado as particularidades desta planta e as metodoloxias de eliminación máis usadas.

Un dos aspectos polos que se escolleu a zona de actuación é porque a invasión de T. fluminensis é incipiente e está localizada no interior de dous muíños abandonados. Esta circunstancia fai que  a actuación cobre máis sentido ao tratarse  dunha acción preventiva que evita o espallamento da especie pola contorna. Procedeuse, xa que logo, a tomar medidas da superficie afectada no interior dos muíños e a organizar a xornada de traballo. Unha das cuestións máis importantes a ter en conta na eliminación manual desta planta -este foi o método de traballo escollido- é que non pode quedar ningún fragmento da planta na zona eliminada debido á súa elevada capacidade de rebrote.

Esta actuación é a primeira que se realiza na zona. Nos traballos de eliminación non se quitou a mancha completamente e ao longo dos tres anos e medio que dura o proxecto Fluviatilis, volveranse a realizar outras actuacións para deixar libre de T. fluminensis o espazo custodiado na ribeira do Tambre.

Proxecto Fluviatilis

As actividades, tanto de xestión e control de EEI como de educación, sensibilización e voluntariado ambiental dirixidas a diferentes públicos, son unha das propostas do proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal