Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Sentenza de Campelo: a primeira contra a invasión...
05-06-2023
A sentenza do TSXG nº 171/2023, recaída no procedemento ordinario 7052/2022, é a primeira dos tres recursos contencioso-administrativos interpostos pola Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (ADEGA) e pola Plataforma para a defensa da Cordilleira Cantábrica contra as resolucións do Consello da Xunta polas que se autorizaron os proxectos eólicos Campelo, Bustelo e Monte Toural, promovidos por Greenalia nos concellos de Coristanco, Santa Comba e Carballo.
Esta sentenza marca un fito relevante na historia do desenvolvemento eólico na Galiza, pois é a primeira vez que se consegue que recaia unha resolución xudicial anulatoria das autorizacións dun proxecto eólico sen que se teña producido unha agresión ao medio ambiente (como aconteceu no caso da Serra do Oribio), ou mesmo sen que os proxectos estean executados e en operación ao momento de ditarse as sentenzas (casos de Sasdónigas I e II e repotenciamento do P.E. Corme). Trátase pois dunha batalla especialmente gañada para o medio ambiente galego á que ADEGA e PDCC escolleron dedicar esta xornada, 5 de xuño, na que se celebra o Día Mundial do Medio Ambiente.
O proxecto eólico anulado, xunto cos outros (Bustelo e Monte Toural) que forman parte dun mesmo polígono eólico, pretendía arrasar cunha especie endémica única en Galiza, Centaurea ultreiae Silva Pando, cuxa poboación mundial total só se atopa nos arredores da Lagoa de Alcaián. Esta especie está considerada “en perigo crítico de extinción” no Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España, e catalogada tamén como “en perigo de extinción” no Catálogo galego de especies ameazadas (Decreto 88/2007 do 19 de abril). A Lagoa de Alcaián, ademais, fora proposta tanto polo bipartito (2008) como polo PP (2011) para formar parte da Rede Natura 2000 polos seus excepcionais valores ecolóxicos e a rareza das especies presentes. Polo tanto, este fallo, non só contribúe a preservar o medio ambiente galego e a defender o interese xeral das galegas e galegos.
O fallo estima na súa totalidade os motivos de impugnación esgrimidos polas asociacións demandantes, anulando en consecuencia o acordo do Consello da Xunta de Galicia impugnado e impoñendo a correspondente condena en costas ás codemandadas (Xunta de Galicia, Greenalia Wind Power Campelo e a Asociación Eólica de Galicia). En concreto, considera a Sala na súa sentenza que o acordo referido resulta contrario a Dereito por concorrer un suposto de fragmentación artificial e ilegal de proxectos a respecto dos proxectos eólicos Bustelo e Monte Toural, tamén impugnados e pendentes de sentenza, fragmentación que impediu a correcta avaliación ambiental dos efectos conxuntos dos tres parques eólicos. O proxecto do P.E. Campelo, en particular, acolle a subestación transformadora que daría servizo aos parques Campelo, Bustelo, Monte Toural e O Cerqueiral, todos eles promovidos por Greenalia.
Asimesmo, a Sala estimou os argumentos de ADEGA e PDCC relativos á vulneración dos dereitos de participación da cidadanía no procedemento de avaliación ambiental, tanto pola redución do prazo de información pública a 15 días, canto pola non posta a dispor da cidadanía dos informes sectoriais no contexto do citado trámite, extremos ambos os dous que xa foran alegados polas demandantes, vulneran o Dereito da Unión Europea.
Estes precedentes poderían ter un efecto positivo moi relevante nos recursos contencioso-administrativos que se presenten contra as novas autorizacións eólicas outorgadas pola Xunta de Galiza e que se impugnen no Tribunal Superior de Xustiza. Por tanto, o interese do recente fallo é de primeira orde para todas aquelas entidades, colectivos e persoas que procuren a defensa dos seus intereses fronte a invasión eólica nos tribunais.
Campelo é o terceiro parque eólico autorizado pola Xunta do PP en ser anulado nos tribunais, logo das dúas sentenzas xa firmes do Tribunal Supremo que tomban o parque eólico Sasdónigas I e II de Mondoñedo, e o proxecto eólico Serra do Oribio, nos concellos de Samos e Triacastela, contra o cal tamén recorreu ADEGA. Preguntámonos cantas sentenzas xudiciais máis son necesarias para que a Xunta de Galicia mude a súa política eólica depredadora, antisocial e ilegal, que ademais está impedindo o tránsito ordenado e participado cara a unha sociedade máis sustentábel, xusta e resiliente, capaz de enfrontarse ao reto climático.
A sentenza pon de manifesto, unha outra vez, a prevaleza que para o goberno de Alfonso Rueda teñen os intereses privados das empresas eólicas fronte ao interese xeral na defensa do medio ambiente e no fomento e salvagarda dos dereitos de participación da cidadanía.
Resulta de interese salientar que están pendentes de sentenza as impugnacións xurisdicionais relativas aos proxectos eólicos Bustelo e Monte Toural, tamén promovidos por Greenalia e, segundo se declara na sentenza relativa ao PE Campelo, e tamén artificiosamente fragmentados do mesmo. Ao que debe engadirse que por parte de ADEGA se interpuxo recentemente recurso de alzada fronte á Resolución do 17 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgaron autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico O Cerqueiral, tamén integrado no mesmo conxunto de proxectos, recurso que, no suposto de ser desestimado, será tamén impugnado perante os tribunais de xustiza.
Hai 15 días ADEGA recuperou o a campaña de recadación colectiva e solidaria “Ti podes paralos!” que conseguira en outubro de 2022 facer efectiva a paralización cautelar do parque eólico Campelo, agora anulado, e dos outros dous proxectos relacionados, Bustelo e Monte Toural, sen a cal o actual éxito non sería posible. ADEGA recupera así a campaña, coa finalidade desta volta de conseguir reunir solidariamente os fondos necesarios para poder afrontar os custos derivados dos recursos contencioso-administrativos contra ducias de proxectos eólicos, cuxas resolucións de autorización están a ser publicadas estes días no Diario Oficial de Galicia, e que poñen en risco a preservación da biodiversidade, da paisaxe, da cultura, de recursos básicos para a poboación, modos de vida tradicionais e mesmo a saúde.
Actualmente, “Ti podes paralos!” xa ten en curso 8 campañas de recadación colectiva para poder enfrontar o recurso xudicial doutros tantos proxectos eólicos industriais aprobados, pero as previsións son que nas vindeiras semanas o número de campañas activas supere as 30 iniciativas de recadación co gallo de defender o territorio do impacto de máis de 200 macroaeroxeradores. As campañas de recadación poderán consultarse na páxina web de “Ti podes paralos!”: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio
A recente sentenza é unha proba máis de que entre todas e todos podemos loitar e vencer contra “xigantes”!
Agradecementos: ao Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica e a todos os colectivos, plataformas e persoas que, coa súa colaboración desinteresada, contribuíron a defender o medio ambiente galego da agresión que supuña o proxecto eólico Campelo.
Na rolda de prensa estiveron presentes, de dereita á esquerda: Belén Rodríguez (secretaria executiva ADEGA), Roi Cuba (presidente ADEGA), Fernando de Abel (vogal dereito ADEGA) e Ernesto Díaz (PDCC), ademais de representantes das plataformas Non máis eólicos Campelo-Bustelo-Monte Toural, A Montaña plántase, Eólicos nos Ancares Non, Alarma Terra de Montes, Asociación Vento Libre e Asociación Fonte Seca, en mostra de apoio e colaboración nas campañas "Ti podes paralos!" que ADEGA está a lanzar nos últimos días para recadar fondos solidarios para recorrer unha trintena de novos proxectos eólicos nos tribunais.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal