ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA lanza novos desafíos #TiPodesParalos: frear...

02-06-2023

ADEGA lanza novos desafíos #TiPodesParalos: frear outros tres parques eólicos no interior da Coruña e Pontevedra

Trátase de Vilartoxo e Troitomil, que forman parte dun único macroproxecto na Baña, Negreira e Val do Dubra; e do parque eólico Monte Festeiros, en Forcarei e Silleda.


A Asociación ecoloxista ADEGA suma tres novos desafíos á campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galiza. Trátase dos parques eólicos Vilartoxo, na Baña e Val do Dubra; Troitomil, na Baña e Negreira; e Monte Festeiros, nos concellos de Forcarei e Silleda. As autorizacións aprobadas pola D.X. de Planificación Enerxética foron publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado martes, 29 de maio.

Estes tres novos desafíos súmanse a outros xa activos no marco da campaña "Ti podes paralos!", co obxectivo de emprender accións xurídicas tamén contra os parques eólicos Rodicio II, na provincia de Ourense; Monte da Croa, na da Coruña; e Val de Pereira e Pico Seco na comarca do Deza.

Para poder contribuír a estes tres novos desafíos #TPP, ADEGA acaba de facer públicas as seguintes plataformas online de crowfunding:

https://tipodesparalos.helpbysc.com/vilartoxo

https://tipodesparalos.helpbysc.com/troitomil

https://tipodesparalos.helpbysc.com/montefesteiros

Vilartoxo e Troitomil: claro exemplo de fragmentación eólica

Vilartoxo e Troitomil conforman en realidade un macropolígono eólico do que tamén fai parte o parque Barrosino, derivado dunha fragmentación artificiosa artellada coa finalidade de sortear unha adecuada e rigorosa avaliación ambiental dos impactos en conxunto. Os dous proxectos propostos para recorrer, Vilartoxo e Troitomil, suman máis de 57 MW de potencia eólica e 11 aeroxeradores que acadan ata os 220 metros de altura. Están promovidos pola empresa Green Capital Power S.L. nos concellos da Baña, Val do Dubra e Negreira, pertencentes ás comarcas da Barcala e Santiago de Compostela.

A envergadura deste macroproxecto eólico e a súa localización supoñen unha ameaza para os espazos naturais e o patrimonio cultural da zona en que está previsto instalarse. A auga é un dos recursos que máis perigo corre, xa que a veciñanza e as aldeas afectadas e incluídas nas poligonais abastécense de fontes de auga procedentes de distintos mananciais do monte onde se pretenden colocar as instalacións eólicas, un risco que non se avaliou nos estudos de impacto ambiental. En concreto, na área afectada polo polígono eólico de Troitomil atópase unha turbeira que é hábitat natural de interese prioritario para a Unión Europea.

Próximo ao ZEC Sistema Fluvial Ulla Deza e ao ZEC Río Tambre, o proxecto Vilartoxo impacta tamén sobre flora e fauna en perigo de extinción, sobre dúas especies protexidas de morcegos e tamén sobre o lobo. Ademais, os efectos notaranse igualmente sobre a arte rupestre presente na zona, con mámoas e petróglifos que quedarán dentro da propia poligonal eólica. Tanto Vilartoxo como Troitomil son proxectos que poñen en xaque as explotacións agropecuarias, a escasos metros das instalacións, e tamén as casas e propiedades que ficarán dentro dos terreos do parque, o que implicará unha depreciación de valor de entorno a un 40%.

Monte Festeiros, ao pé da Serra do Candán

O P.E. Monte Festeiros, que supón o terceiro dos novos desafíos #TPP, suma un total de 10 aeroxeradores nunha área de afectación de máis de 1.500 hectáreas entre os concellos de Forcarei e Silleda. Trátase dunha zona que constitúe un singular corredor ecolóxico entre a Serra do Candán e as Brañas de Xestoso, ambas integradas na Rede Natura 2000 e onde se atopa a mellor representación de turbeiras acedas de Galiza, na Lagoa Sacra de Olives, así como xoias vexetais e animais como a tararaña cincenta, o sisón, a droseira ou a herba de algodón. O patrimonio cultural que sostén a memoria do Coto do Mosteiro de Aciveiro tamén está agora en risco.

Un mes para acadar o primeiro reto da campaña

O obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para os desafíos #TPPVilartoxo e #TPPTroitomil é de 6.500 euros. Porén, a recadación establécese en dúas fases. A primeira terá unha duración de 1 mes desde hoxe ata o 2 de xullo, na que será preciso acadar un mínimo de 3000 euros para cada un dos proxectos, o que garantirá a presentación por parte de ADEGA do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión. Nunha segunda fase procurarase acadar outros 3.500 euros para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como á solicitude de paralización cautelar. No caso do desafío #TPPMonteFesteiros, o obxectivo mínimo de recadación ascende a 7.300 euros, dividido tamén en dúas fases, ambas cun obxectivo económico de 3.650 euros.

Outros desafíos #TPP en activo

Todos e cada un dos desafíos #TPP de ADEGA que están actualmente activos, así como a información de cada un deles sobre a súa evolución na recadación solidaria, poden ser consultados na páxina web principal da campaña #TiPodesParalos: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio

ADEGA tamén ofrece a posibilidade de destinar as doazóns da campaña “Ti podes paralos!” a un fondo común non adscrito a ningún proxecto eólico en particular, e que servirá de apoio ao conxunto dos desafíos impulsados por ADEGA: https://tipodesparalos.helpbysc.com/fondocomun

Todas as doazóns que se efectúen á campaña “Ti podes paralos!” poderán desgravar até o 80% na declaración da renda.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal