ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Proxecto Charcas con Vida: Novas actividades en...

27-02-2014

Proxecto Charcas con Vida: Novas actividades en 2014

Coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas

ADEGA ven de presentar a programación de Charcas para 2014 da man da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galiza. Verónica Tellado, Directora Xeral de Conservación da Natureza, xunto con Virginia Rodríguez, Presidenta de ADEGA e Lucía Parente Coordinadora de Charcas con Vida deron a coñecer as novas actividades programadas para este ano centradas na posta en valor e conservación das Charcas en Galiza.

A iniciativa Charcas con Vida comezou no 2013 coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura Alimentación e Medio Ambiente. Coa intención de dar continuidade ás actuacións de voluntariado e seguimento dos pequenos humidais galegos en 2014 o proxecto presenta a nova programación, desta vez contando coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas. As charcas son pequenas masas de auga, permanentes ou temporais, de gran valor ambiental e de elevada fraxilidade. Estes ecosistemas albergan interesantes poboacións de algas, plantas, anfibios, e invertebrados que precisan deste medio para vivir ou completar o seu ciclo vital. Moitas destes organismos están ameazados ou teñen requirimentos de hábitats moi específicos.

As charcas son tamén corredores biolóxicos que incrementan a conectividade entre hábitats. Moitas destas zonas húmidas constitúen importantes elementos patrimoniais e son espazos cun gran potencial para a educación ambiental e a investigación. Porén, a pesar da súa importancia, estes ecosistemas e os seus beneficios son a maioría das veces descoñecidos pola cidadanía, o que remata nunha ameaza constante e na súa desaparición. Coa intención de difundir os valores das charcas e de contribuír á súa conservación nace o proxecto Charcas con vida.

Divulgación da importancia e dos valores das charcas:

Nesta liña celebraranse dous cursos divulgativos co persoal do Servizo de Conservación da Natureza para coñecemento destes ecosistemas. Realizaranse charlas en asociacións, centros de ensino, ou noutros lugares que así o soliciten. Como parte desta liña editouse un manual divulgativo para as inspeccións de charcas no que colaborou a Dirección Xeral de Conservación da Natureza e que se ofrece aos voluntarios do proxecto. Tamén se deseñarán unhas fichas de identificación da fauna e flora típicas de charcas

Creación dunha rede cidadá para o inventariado e estudo de charcas:

O equipo de Charcas con Vida seguirá realizando saídas formativas para inspección de charcas coas entidades que así o soliciten. Estas saídas están abertas a centros de ensino, asociacións, entidades de calquera tipo ou grupos de amigos interesados. Así mesmo sigue dispoñible o inventario de charcas de Galiza onde calquera persoa pode sumar charcas grazas a ferramenta online dispoñible na web do proxecto (charcasconvida.org)

Actuacións de construción e recuperación de charcas mediante acordos de custodia do territorio e voluntariado ambiental:

Hai programadas 4 xornadas de voluntariado ambiental que se celebrarán ao longo de 2014, no Parque Natural do Invernadoiro, no Parque Natural do Xurés, na Reserva da Biosfera de Allariz e no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galiza. Para apoiar actuacións en charcas ADEGA ten editado tamén un Manual de construción e recuperación, que explica de xeito sinxelo os pasos a seguir para realizar este tipo de actuacións, amosando exemplos prácticos de actuacións realizadas en 2013, e que se distribúe de maneira gratuíta a quen o solicite.Calquera persoa que estea interesada en participar nalgunha das actividades descritas só ten que enviar un correo ou chamar por teléfono ao equipo de Charcas con Vida  

Máis info: Lucía Parente charcas@adega.gal     
981 57 00 99  /  669 80 69 08


Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal