ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA achega a problemática das especies exóticas...

02-05-2023

ADEGA achega a problemática das especies exóticas invasoras aos institutos de Xinzo co Proxecto Fluviatilis

No mes de maio, ADEGA instalará a exposición sobre especies exóticas invasoras no IES Lagoa de Antela e no IES Cidade de Antioquía, onde tamén se realizarán visitas guiadas e saídas ao río Limia.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, continúa coas actividades enmarcadas no Proxecto Fluviatilis, que ten por obxectivo dar a coñecer as problemáticas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais, así como fomentar actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos.

Durante o mes de maio, ADEGA realizará dúas novas instalacións da exposición sobre especies exóticas invasoras 'Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza', que irán acompañadas de visitas guiadas. Así, a exposición xa se colocou o pasado venres, 28 de abril, no IES Lagoa de Antela e levarase posteriormente ao IES Cidade de Antioquía, onde poderá visitarse ata o día 24 de maio.

Na exposición e na visita guiada darase a coñecer a problemática que supoñen as especies exóticas invasoras para os ecosistemas fluviais, co foco nos impactos desde o punto de vista ambiental pero tamén económico e para a saúde humana. Así mesmo, sinalaranse exemplos das problemáticas comentadas, tanto desde o ámbito do territorio peninsular como do territorio galego, e daranse a coñecer as principais especies exóticas invasoras presentes nos ríos de Galiza.

ADEGA organizará tamén dúas saídas ao río Limia xunto co alumnado dos centros para coñecer de primeira man esta problemática e identificar as especies invasoras presentes nel.

As actividades de sensibilización e educación ambiental dirixidas a diferentes públicos, entre eles centros de ensino, son unha das propostas do proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal