ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA denuncia novas plantacións ilegais de...

28-04-2023

ADEGA denuncia novas plantacións ilegais de eucalipto na Serra do Xistral

As plantacións ilegais incumpren a moratoria do eucalipto e afectan a hábitats de interese prioritario.

A maior parte delas atopáronse en zonas que foran propostas pola Xunta para a ampliación da Rede Natura 2000.

Afectan a 200 hectáreas do Xistral, sen que a Xunta exerza ningún tipo de control.

Membros da Comisión de Montes da asociación ecoloxista galega ADEGA realizaron recentemente unha saída ao campo polos arredores da Serra do Xistral, motivados pola detección de múltiples infraccións relacionadas con plantacións ilegais de eucaliptos. Nunha soa xornada, na que se percorreron varias parroquias dos concellos de Abadín e Vilalba, próximas á Zona de Especial Conservación “Serra do Xistral” (ZEC ES1120015), foron detectadas 17 parcelas con plantacións ilegais de eucaliptos, 12 delas en zona de ampliación da Rede Natura 2000 (versión do ano 2008), e 2 en terreos pertencentes a montes veciñais en man común (MVMC), que en total supoñen 200 hectáreas.

Nesta visita puidemos constatar in situ a amplitude desproporcionada das recentes plantacións ilegais de eucaliptos nunha zona que aglutina grandes valores ambientais e paisaxísticos e que estivo incluída nas propostas de ampliación da Rede Natura 2000 que a Xunta de Galicia, previa advertencia da Unión Europea, elaborou en 2008 e reelaborou en 2011, sen que ningunha destas dúas propostas chegase finalmente a oficializarse.

Se ben ADEGA xa vén denunciando desde hai anos que estes lugares de ampliación da Rede Natura 2000 deberían estar xa protexidos, están sendo obxecto dunha destrución acelerada tanto por proxectos eólicos (aeroxeradores, pistas sobredimensionadas, subestacións, plataformas, gabias e tendidos eléctricos) como por plantacións masivas de eucaliptos.

Afectación de hábitats prioritarios e Reserva da Biosfera

Asistimos, unha vez máis, a un flagrante incumprimento reiterado da lexislación vixente, con novas plantacións de eucaliptos, que ademais están a afectar a hábitats de interese comunitaria, algúns deles prioritarios segundo a Directiva 92/43/CEE (como por exemplo o hábitat 4020* - Uceiras húmidas atlánticas de zonas tépedas de Erica ciliaris e Erica tetralix), e as especies de flora e fauna asociadas, nalgúns casos especies catalogadas como vulnerables. E todo isto prodúcese en plena en moratoria aos cultivos deste xénero de árbores australianas en Galiza que, recordamos, son consideradas invasoras polo Comité Científico do Ministerio de Medio Ambiente español.

Por outra parte, os concellos de Abadín e Vilalba forman parte da Reserva de Biosfera “Terras do Miño”, estando 12 das parcelas en zona tampón, que é a zonificación establecida para a protección ou amortecemento das zonas núcleo que se corresponden en Galiza coas ZECs. A figura das Reservas da Biosfera mostra pouca ou ningunha utilidade xa que non serve para a conservación efectiva dos seus valores medioambientais e naturais. Unha vez máis, repítense agresións ao medio ambiente dentro desta Reserva da Biosfera, como xa se ten informado en varias ocasións.

Ante o anterior, solicitamos que o goberno da Xunta de Galicia faga cumprir coa lexislación vixente, actuando de oficio para facer cumprir a moratoria á plantación de eucaliptos nas parcelas onde non estaban presentes antes do 21 de xullo do 2021, impoñendo sancións, obrigando á restauración das parcelas afectadas e empregando os recursos humanos e medios económicos necesarios para por freo a estes delitos, en lugar de facer a vista gorda ou mirar para outro lado. ADEGA puido comprobar in situ como os axentes da Xunta, que supostamente vixían que se cumpra a lexislación ambiental e forestal na zona, non denunciaron de oficio ningunha destas plantacións ilegais.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal