ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O Proxecto Ríos impulsa as XXXVI Xornadas de...

18-04-2023

O Proxecto Ríos impulsa as XXXVI Xornadas de Formación sobre os cursos fluviais

O curso, que se celebrará o próximo 22 de abril, contempla unha saída ao río Pego, no Concello de Brión, para o estudo e análise de macroinvertebrados.


O Proxecto Ríos, iniciativa de ADEGA, lanza un ano máis o seu curso de formación para persoas interesadas no coñecemento e coidado dos nosos ríos. Terá lugar no IES de Brión o vindeiro sábado, 22 de abril, dende as 10:00 ata as 14:30 horas. Desta volta, na súa xa 36 edición destas xornadas, o Proxecto Ríos achegarase á ilustración científica e á identificación de macroinvertebrados bioindicadores dos cursos fluviais.

A iniciación á ilustración científica correrá a cargo da ilustradora María Viñas, que relatará a súa traxectoria profesional e organizará un pequeno obradoiro práctico ás 10:30. Esta disciplina de carácter artístico e científico ten por obxectivo describir a natureza a través das técnicas do debuxo, a pintura, a ilustración ou mesmo a imaxe dixital. Trátase, pois, da parte visual que facilita o estudo científico.

Xa para as 11:30 da mañá está prevista unha saída ao río Pego, no propio Concello de Brión, e posteriormente regresarase ás instalacións do instituto para proceder á identificación dos macroinvertebrados no laboratorio. Ás 14:30 clausurarase a xornada de formación.

As prazas son limitadas e é preciso inscribirse mandando un correo a proxectoriosgaliza@gmail.com ou chamando ao 981 57 00 99 ou 627 628 194.

O Proxecto Ríos

O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA e financiada por Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio. A finalidade deste programa é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos mediante as ferramentas que garantan a súa participación.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal