ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Loita contra a vaga eólica, os eucaliptos e o...

17-04-2023

Loita contra a vaga eólica, os eucaliptos e o modelo SOGAMA: liñas de acción claves de ADEGA en 2023

A 47ª Asemblea Xeral de ADEGA celebrouse no Centro Sociocultural Uxío Novoneyra en Lugo e culminou cun xantar de confraternización e coa entrega dos Premios Osíxeno e Dioxina 2022.

A asociación ecoloxista ADEGA celebrou este pasado sábado, 15 de abril, a súa 47ª Asemblea Xeral de socias e socios, na que fixo balance do traballo desenvolvido ao longo do ano 2022 e na que tamén acordou as liñas estratéxicas da organización para este 2023.

As persoas socias de ADEGA determinaron manterse firmes na defensa do territorio contra a invasión eólica, ás portas da que será a maior ofensiva da historia da organización fronte aos proxectos eólicos que se autoricen e que teñan un especial impacto sobre o patrimonio natural e cultural, co apoio das plataformas sociais. ADEGA traballará co obxectivo de involucrar en maior medida as sociais e delegacións nesta campaña e sopesará tamén a súa participación en experiencias prácticas de autosuficiencia ou soberanía enerxética.

Outra das liñas estratéxicas confirmadas pasa pola custodia do monte e a afronta contra a masiva eucaliptización. Socias e socios acordaron prestar especial atención ás plantacións ilegais máis graves e facer campaña de seguimento das xa presentadas. Tamén potenciará proxectos de custodia en fincas doadas e impulsará máis accións directas sobre o terreo de voluntariado a prol do bosque galego.

Os residuos e a economía circular é a terceira e últimas das liñas acordada en asemblea xeral. Promover unha campaña activa contra o modelo SOGAMA e o seu incumprimento dos obxectivos europeos, ademais de ampliar a oferta de ADEGA en formación en compostaxe e procurar maior especialización no eido, están entre os obxectivos prioritarios neste sentido. As sociais determinaron, igualmente, fomentar e mellorar as relacións institucionais para o emprendemento de proxectos conxuntos.

Propostas de resolución aprobadas

Así mesmo, as persoas sociais presentes na asemblea aprobaron un total de catro propostas de resolución, entre elas, o apoio á folga estudantil convocada por "Erguer. Estudantes da Galiza" para este 25 de abril por un ensino público e de calidade contra a privatización e a desgaleguización.

En materia eólica, ADEGA acordou manter o seu compromiso coa Coordinadora Eólica Así Non. Neste sentido, a asociación ecoloxista urxe o pobo galego a que o vindeiro domingo, 23 de abril, ás 12:00 horas, acuda a San Caetano, en Santiago de Compostela, para rodear a Xunta e esixir o rexeitamento de novas autorizacións de proxectos eólicos mentres non haxa unha planificación pública, ordenada e ao servizo do pobo.

ADEGA dedicou outra das súas propostas a Ence, unha das industrias máis lesivas para o futuro do país e cuxa decisión do Tribunal Supremo de darlle continuidade na Ría de Pontevedra responde a unha inmoralidade manifesta que perpetúa a inxustiza. É por iso que a asociación deixou constancia do seu apoio e agradecemento a todas as persoas, asociacións e institucións que non deixarán de loitar para que Ence marche da ría.

Doutra banda, con vistas ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio, ADEGA insta a todas as formacións candidatas a gobernar os concellos galegos a que poñan no centro políticas locais que nos permitan enfrontarnos como pobo aos retos da actual emerxencia ambiental, con especial atención á conservación da biodiversidade, dos recursos naturais e do patrimonio cultural.

Xunta Directiva

Nesta asemblea tamén se decidiu a composición da Xunta Directiva para os dous vindeiros anos, encabezada de novo polo biólogo lugués Roi Cuba Dorado. Verónica Torrijos seguirá ocupando a vicepresidencia e María R. Lafuente a vicesecretaría xeral. Froilán Pallín mantense na secretaría xeral e Xan Louzao na tesourería. Como novidades para os próximos dous anos redúcese o número de membros da Xunta Directiva e incorpóranse Miguel Varela e Xandro García como vogais da Comisión Permanente, Xosé Manuel Romero e Marco A. Coímbra como vogais da Xunta Directiva e Sole Felloza como vogal de Patrimonio Cultural.

Entrega dos premios Osíxeno e Dioxina 2022

Tras o xantar de confraternización, ADEGA fixo entrega dos Premios Osíxeno 2022. Uns galardóns, obra cerámica do artista galego Nacho Porto, que recoñecen as mellores accións ou as actitudes máis positivas para a preservación ambiental de Galiza, ou aquelas traxectorias vitais comprometidas co medioambiente de Galiza.

Desta volta, ADEGA outorgou o Premio Osíxeno de Honra ao activista da asociación e referente no movemento ecoloxista galego, Pepe Salvadores. Pola súa banda, o premio Osíxeno Individual 2022 foi para Alicia López Pardo, mestra da montaña que nunca descoidou o seu compromiso polo coidado do medio natural cunha visión globalizada na que cultura, lingua e sabedoría popular son o centro da súa acción reivindicativa. Por último, unha representación da veciñanza do Courel que sufriu a terríbel lacra dos incendios forestais foi quen recolleu o Premio Osíxeno Colectivo 2022.

Pola contra, os Premios Dioxina deste ano, que destacan as peores accións ou actitudes exercidas contra o medioambiente galego, recaeron no conselleiro de Medio Rural, Xosé González; e no Tribunal Supremo, que fallou a favor da permanencia da factoría de celulosa de ENCE na Ría de Pontevedra.

Como peche da xornada, as socias e socios realizaron un roteiro de cinco quilómetros polo val do Río Rato, un dos pulmóns verdes de Lugo que pretende ser arrasado pola construción da autovía Rolda Leste.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal